Centro organizador de microtúbulos
From Wikipedia, the free encyclopedia
O centro organizador de microtúbulos ou centro de organización microtubular (abreviado como COMT ou coas siglas inglesas MTOC) é unha estrutura atopada nas células eucariotas da cal emerxen e na cal se nuclean os microtúbulos. Os COMT desempeñan dúas funcións principais: organizan os flaxelos e cilios eucarióticos e organizan o fuso acromático da mitose e a meiose, separando os cromosomas durante a división celular. O COMT é o lugar onde se realiza a nucleación dos microtúbulos e pode visualizarse nas células por medio da detección inmunohistoquímica da γ-tubulina. Nos animals os dous tipos de COMT máis importantes son o centrosoma, asociado coa formación do fuso acromático, e o corpo basal, asociado cos cilios e certas unións intercelulares en células epiteliais.