Chaira abisal
From Wikipedia, the free encyclopedia
As chairas abisais son zonas chairas ou de pendente moi suave do fondo da conca oceánica profunda. Están entre as zonas da Terra máis chairas e suaves, e entre as menos exploradas. As chairas abisais supón aproximadamente o 40% do fondo do océano e a súa profundidade oscila entre os 2.200 e os 5.500 m. Adoitan quedar entre o pé do noiro continental e unha dorsal oceánica ou unha fosa.
Son as principais zonas de sedimentación do planeta; baixo a capa de sedimentos, atópase a codia oceánica, formada por silicatos magnésicos que compón rocas de tipo basáltico. Estas rocas teñen a súa orixe nas dorsais oceánicas, pola solidificación do magma que por elas aflora á superficie, e destrúense nas zonas de subdución, xunto aos continentes, onde se introducen de novo no magma.
Entre os escasos elementos destacados do relevo das chairas abisais atópanse:
-Monte volcánico: monte submarino formado pola acumulación de materiais provenientes dunha erupción volcánica.
-Illa volcánica: monte volcánico que, polas súas dimensións, chega a emerxer da superficie do mar formando unha illa.
-Guyot: estrutura tabular submarina cuxo orixe non está claro; considérase que poden tratarse de illas volcánicas que foron erosionadas ao estar emerxidas, quedando así a súa cima plana, e volveron afundirse no fondo do mar.
Á chaira abisal non chega a luz do sol; consecuentemente, apenas si alberga vida, esta está formada por bacterias quimiosintéticas (que non realizan a fotosíntese senón un proceso análogo desencadeado polos produtos gaseosos provenientes do subsolo en zonas volcánicas) e algúns animais invertebrados (p.ej. vermes) e vertebrados (algúns peixes). Os peixes abisais están dotados de bocas grandes e, debido á falta de luz, non cazan senón que tenden trampas ás presas potenciais; para iso, moitos sérvense da bioluminescencia, posuíndo apéndices luminosos que chaman a atención das presas de modo que estas achéganse a eles, sendo atrapadas entón pola mencionada boca de gran tamaño.