Chinche das camas
especie de insecto / From Wikipedia, the free encyclopedia
As chinches das camas ou simplemente chinches[1] ou tamén chinchas[2] ou percebellas[3] son insectos parasitos da familia dos cimícidos (Cimicidae), que se alimentan exclusivamente de sangue. Cimex lectularius é a chinche das camas común e a especie máis coñecida que prefire alimentarse de sangue humano. Outras especies de Cimex especializáronse en alimentarse doutros animais, por exemplo, as chinches dos morcegos, como Cimex pipistrelli (de Europa), Cimex pilosellus (de Norteamérica) e Cimex adjunctus (de Norteamérica), ou as chinches das aves. A especie tropical Cimex hemipterus parasita tamén a humanos e aves.[4]
Chinche, chincha, percebella | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Cimex lectularius | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
|
O hábitat preferido de Cimex lectularius son as casas quentes e especialmente os dormitorios, zonas preto das camas ou dentro delas. Son activos principalmente pola noite, pero non son exclusivamente nocturnos. Xeralmente aliméntanse dos seus hóspedes sen que estes o noten.[5][6][7]
A picadura das chinches pode producir diversos efectos adversos como erupcións na pel, efectos psicolóxicos e síntomas alérxicos.[8] Porén, non transmiten patóxenos, xa que non funcionan como vectores epidemiolóxicos. Certos signos e síntomas indican que unha picadura podería deberse a chinches, o que se confirma ao atopar insectos adultos na casa.
As chinches das camas levan sendo parasitos do ser humano desde hai miles de anos.[9] A inicios da década de 1940 estaban case erradicados no mundo desenvolvido, pero foron incrementando a súa prevalencia desde 1995, probablemente debido á resistencia aos pesticidas que adquiriron, á prohibición legal do uso dalgúns pesticidas efectivos e ás viaxes internacionais.[10][11] Como a infestación dos hábitats humanos empezou a aumentar, tamén o fixeron os casos de picaduras de chinches e as condicións de saúde asociadas.[9][12]