Citolisina
From Wikipedia, the free encyclopedia
A citolisina é unha substancia, por exemplo un anticorpo ou unha toxina bacteriana, segregada por microorganismos, plantas ou animais, que é especificamente tóxica para determinadas células,[1] e en moitos casos causa a súa destrución por medio de lise. As citolisinas que posúen unha acción específica para determinadas células noméanse en función de dita acción. Por exemplo, as citolisinas responsables da destrución de eritrocitos denomínanse hemolisinas, e producen unha liberación de hemoglobina.[2] As citolisinas poden encontrarse en velenos e están implicadas na inmunidade. Os anticorpos antibacterianos que contribúen a lisar (xunto co complemento) as células bacterianas denomínanse bacteriolisinas.[3]
A hemolisina é tamén usada por certas bacterias, como a Listeria monocytogenes, para romper a membrana do fagosoma dos macrófagos e escapar ao citoplasma da célula.