Coloración animal
From Wikipedia, the free encyclopedia
A coloración animal é a aparencia xeral dun animal orixinada pola reflexión ou emisión de luz desde as súas superficies. Algúns animais teñen rechamantes cores, mentres que outros son difíciles de ver. Nalgunhas especies, como o pavón, o macho ten padróns de coloración moi elaborados con cores rechamantes e iridescentes, mentres que a femia é moito menos vistosa.
Hai varias razóns polas cales nos animais evolucionaron as coloracións. A camuflaxe permite que un animal permaneza oculto á vista. Os animais usan as cores para anunciar a prestación de servizos como o servizo de limpeza a animais doutras especies; para indicar o seu status sexual a outros membros da súa mesma especie; e no mimetismo, imitando a coloración de advertencia (aposemática) propia doutra especie. Algúns animais usan flashes de cor para desviar ataques de predadores ao asustalos ou sorprendelos. As cebras posiblemente usan resplandores producidos polo debuxo bandeado da súa pel no seu movemento, que confunden a un predador durante o seu ataque. Algúns animais están coloreados como protección física, e teñen pigmentos na pel para protexerse da radiación solar, mentres que algunhas ras poden aclarar ou escurecer a súa pel para regular a súa temperatura. Finalmente, os animais poden ter unha coloración fortuíta; por exemplo o sangue vermello do corpo pode transparentarse en animais que non teñen pel opaca.
Os animais producen cor de diferentes maneiras. Os pigmentos son partículas de materiais coloreados. Os cromatóforos son células que conteñen pigmentos, que poden cambiar o seu tamaño ou localización facendo que a cor sexa máis ou menos visible. Algúns animais, como moitas bolboretas e aves, teñen estruturas microscópicas en escamas, sedas ou plumas que lles dan cores iridescentes. Outros animais como as luras e algúns peixes abisais poden producir luz, ás veces de varias cores. Os animais nalgúns casos utilizan á vez dous ou máis destes mecanismos para producir as cores e efectos que necesitan.