Comisión Negociadora da Oposición
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Comisión Negociadora da Oposición foi unha plataforma constituída en 1976 por nove representantes dos partidos políticos e comunidades autónomas para negociar co Goberno de Adolfo Suárez os pasos a dar para a transición democrática.
O 29 de novembro de 1976, nunha entrevista entre o presidente do Goberno Adolfo Suárez e o presidente do Equipo Demócrata Cristiano del Estado Español, José María Gil-Robles, acordan a constitución dunha comisión negociadora entre representantes da oposición e o goberno do Estado para sentar os principios sobre os que deseñar o proceso da transición española e a legalización dos partidos políticos co propósito de garantir as liberdades públicas e unhas eleccións xerais libres (que se celebrarán o 15 de xuño de 1977). A esta reunión con Suárez asistiron tamén Joaquín Ruiz-Giménez (de Izquierda Democrática), Juan Ajuriaguerra (do Partido Nacionalista Vasco), Antón Cañellas (da Unión Democrática de Cataluña), Vicente Ruiz Monrábal (da Unión Democrática del País Valenciano) e Fernando García Agudín (do Partido Popular Galego) [1].
Anteriormente a esta data Suárez xa mantivera numerosas conversacións con distintos líderes políticos, do mesmo xeito que tamén o fixeron os representantes da oposición, entre si, para perfilar unha Comisión reducida que puidese presentarse ó Goberno cun mandato conxunto e consensuado da Oposición. O 1 de decembro, 70 dirixentes políticos doutros tantos partidos e organizacións decidiron a composición desta Comisión reducida, nomeando a dez representantes.