Controversia sobre a doazón de sangue de homes que teñen sexo con homes
From Wikipedia, the free encyclopedia
A controversia sobre a doazón de sangue de homes que teñen sexo con homes é a disputa sobre as prohibicións das doazóns de sangue ou de tecido para transplantes de órganos de parte de homes que teñen sexo con homes (HSH), unha categoría de homes que manteñen (ou mantiveron no pasado) relacións sexuais con outros homes, sen ter en conta se se identifican como bisexuais, gais ou doutra maneira. Ás restricións ós doantes chámaselle ás veces "postergacións", dado que os doantes de sangue que foron rexeitados poderían non selo noutra ocasión. Con todo, moitas postergacións son indefinidas, o que significa que a doazón podería non ser aceptada nunca, o cal supón unha prohibición de facto. As restricións varían dun país a outro, e nalgúns deles non se teñen en conta prácticas como o sexo con protección ou os períodos de abstinencia. As restricións non afectan só a estes homes, tamén nalgúns casos a calquera muller que fose parella sexual. Polo demais, non afectan a mulleres, nin sequera ás mulleres que teñen sexo con mulleres. A axencia estadounidense Administración de Alimentos e Medicamentos (FDA) sostén que a xanela de postergación dun ano está "apoiada pola mellor evidencia científica que hai dispoñible".[1]
Moitas organizacións LGBT consideran que as restricións sobre a doazón están baseadas en homofobia e non nun problema médico lexítimo, xa que as doazóns sométense a probas rigorosas para excluír ós doantes que estean infectados con virus coñecidos como VIH, VPH, hepatites B e hepatites C. Tamén afirman que as postergacións baséanse en estereotipos.[2] Os que propoñen unha restrición para sempre deféndena debido ó risco de que a análise produza un falso negativo e debido a que a poboación HSH de países desenvolvidos adoita ter unha maior prevalencia de infección de HIV/AIDS.[3][4] O comité de asesoramento do goberno británico, SABTO, afirmou en 2013 que "se se lle permitise ós HSH doar sangue, o risco de transfusión de sangue infectado de VIH aumentaría".[5] Con todo, en xullo do 2017, o goberno británico reduciu a xanela de postergación dun ano a tres meses, o cal entraría en vigor meses despois, como resultado das conclusións actualizadas do SABTO de que "os novos sistemas de análises eran precisos e os doantes eran bos no cumprimento das normas". Ademais, a organización inglesa NHS Blood and Transplant está a investigar a posibilidade de que os HSH, dependendo do nivel de risco, poidan doar mesmo sen a postergación de tres meses.[6]
Os partidarios de cambiar as prohibicións ós HSH sinalan que a selección de doantes debería centrarse tanto no comportamento sexual como nas prácticas de sexo seguro xa que moitos HSH poden ter sempre sexo con protección, ser monógamos ou estar noutras categorías de baixo risco.[2][5] Algúns grupos que están a favor de eliminar as restricións apoian un período de espera antes da doazón de sangue, cando se considera que o doante tivo un comportamento considerado de alto risco; e antes de ser usada, para que se adapte á xanela dos métodos de análises do banco de sangue.[2] A pesar de que o VIH detéctase de forma fiable despois de entre 10 e 14 días con análises de ARN, hai métodos de análise máis antigos que só proporcionan unha precisión de até o 98% de casos positivos despois de tres meses.[7]
Existe unha gran cantidade de medo residual á contaminación de hemoderivados como consecuencia dos escándalos de sangue contaminado, os cales causaron miles de mortes debido ó VIH e á hepatite C en pacientes que requiren transfusións de sangue.[cita requirida] O sangue contaminado pon ós hemofílicos nun risco enorme de mortalidade elevada, aumentando o risco de procedementos cirúrxicos comúns.