Cultivo microbiolóxico
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un cultivo microbiolóxico ou cultivo microbiano é un método para multiplicar microorganismos deixando que se reproduzan en medios de cultivo determinados en condicións controladas de laboratorio. Os cultivos microbiolóxicos son fundamentais como métodos de diagnóstico e como ferramenta para a investigación en bioloxía molecular.
Os cultivos microbianos utilízanse para determinar o tipo de organismo ou a súa abundancia na mostra. Son un dos métodos de diagnóstico primarios da microbioloxía e utilizada como unha ferramenta para determinar a causa de doenzas infecciosas deixando que o axente se multiplique nun medio determinado. Por exemplo, riscando o tecido que tapiza a gorxa tómase unha mostra para facer un cultivo de exsudado farínxeo e ponse a mostra nun medio de cultivo para que poida cribarse para microorganismos daniños, como Streptococcus pyogenes, o axente causante de infeccións de gorxa.[1] Ademais, o termo cultivo é máis frecuentemente usado para referirse informalmente ao "crecemento selectivo" dun tipo específico de microorganismo nun laboratorio.
Xeralmente é esencial illar un cultivo puro (axénico) do microorganismo, no que este crece en ausencia de microorganismos doutras especies ou tipos. Un cultivo puro pode orixinarse a partir dunha soa célula ou un só organismo, e nese caso as células son xeneticamente clons. Para que o cultivo microbiolóxico solidifique utilízase o medio xel de agarosa (ágar). O ágar é unha substancia xelatinosa extraída de algas vermellas. Un substituto barato do ágar é a goma guar, que pode usarse par o illamento e mantemento de termófilos.