Célula cromafín
From Wikipedia, the free encyclopedia
As células cromafíns son células neuroendócrinas que se encontran na medula da glándula adrenal ou suprarrenal e noutros ganglios do sistema nervioso simpático. Trátase de neuronas postsinápticas simpáticas modificadas que reciben impulsos simpáticos. En lugar de liberaren os seus neurotransmisores a un órgano ou tecido adxacente para producir un determinado efecto, o que fan é liberalos á circulación sanguínea para que exerzan efectos sistémicos en diversos órganos, funcionando ao modo de hormonas. As hormonas (e neurotransmisores) que liberan son dúas catecolaminas, a noradrenalina ou norepinefrina (~20% delas) e a adrenalina ou epinefrina (~80%), e tamén encefalinas. Por esta razón, son células neuroendócrinas.