Denotación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A distinción entre denotación e connotación dos signos conta cunha longa tradición filosófica e lingüística.
Nunha primeira aproximación percíbese que o proceso significativo reviste dúas modalidades:
- Dun lado, o significante transmite determinado contido nocional (significado) primario.
- Doutro, remite a certos valores afectivos evocadores, ideolóxicos etc., asociados ó contido básico.
De aí que, aínda cando en tódalas mensaxes se combinan ambos modos de significación, distínguese ás veces entre unha clase de mensaxes fundamentalmente denotativas (coma as científicas) e outra de mensaxes eminentemente connotativas (coma as artísticas).
Chámase denotación ao significado obxectivo dunha palabra, a aquilo que unha palabra significa para a absoluta totalidade de coñecedores dunha lingua, sen que exista a máis mínima discrepancia entre eles. Adoita coincidir este significado co que recollen habitualmente os dicionarios xerais.