Dereito de autoría
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os dereitos de autoría (do francés droit d'auteur) é un conxunto de normas e principios que regulan os dereitos morais e patrimoniais que a lei concede ás persoas autoras, polo só feito da creación dunha obra literaria, artística ou científica, tanto publicada ou que aínda non se publicou.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2007.) |
Son unha forma de protección proporcionada polas leis vixentes na maioría dos países ás persoas autoras, creadoras, tradutoras, investigadoras ou artistas de obras orixinais, ben sexan literarias, dramáticas, musicais, artísticas e intelectuais.
No dereito anglosaxón utilízase a noción de copyright (símbolo ©, traducido literalmente como dereito de copia) que, polo xeral, comprende a parte patrimonial dos dereitos de autoría.
Unha obra pasa ao dominio público cando os dereitos patrimoniais expiraron. Isto sucede habitualmente transcorrido un prazo desde a morte da persoa autora (post mortem auctoris). Por exemplo, no dereito europeo, 70 anos desde a morte. Dita obra entón pode ser utilizada en forma libre, respectando os dereitos morais.