Desnaturalización (bioquímica)
proceso bioquímico das proteínas e os ácidos nucleicos / From Wikipedia, the free encyclopedia
A desnaturalización[3][4] ou desnaturación[5] é un proceso no cal unha proteína ou ácido nucleico perden as estruturas cuaternaria, terciaria e secundaria que presentan no seu estado nativo, por aplicación dalgún estrés externo ou presenza dun composto como un ácido ou base fortes, un sal inorgánico concentrado, un solvente orgánico (como alcohol ou cloroformo), axitación e radiación ou calor.[6] Se as proteínas se desnaturalizan nunha célula viva isto orixina unha alteración da actividade celular e posiblemente a morte da célula. A desnaturalización da proteína é tamén unha consecuencia da morte celular.[7][8] As proteínas desnaturalizadas poden mostrar unha gran variedade de características, desde un cambio conformacional e perda de solubilidade á agregación debido á exposición de grupos hidrófobos. As proteínas desnaturalizadas perden a súa estrutura tridimensional e, por tanto, non poden funcionar.
Definición da IUPAC Proceso de alteración total ou parcial das esturutras nativas secundaria e/ou terciaria e/ou cuaternaria de proteínas ou ácidos nucleicos que ten como resultado a perda da bioactividade. Nota 1: Modificado da definición dada en ref.[1] Nota 2: A desnaturalización pode ocorrer cando as proteínas e ácidos nucleicos están sometidos a elevadas temperaturas ou a pHs extremos ou a concentracións non fisiolóxicas de sales, solventes orgánicos, urea ou outros axentes químicos. Nota 3: Un encima perde a súa actividade catalítica cando se desnaturaliza.[2] |
O pregamento das proteínas é esencial para que unha proteína globular ou unha proteína de membrana poidan facer o seu traballo correctamente; esta debe estar pregada adoptando a forma correcta para poder funcionar. Porén, as pontes de hidróxeno, que son moi importantes para o pregamento, son bastante febles e son doadamente afectados pola calor, acidez, variacións nas concentracións de sales e outros axentes estresantes que poden desnaturalizar a proteína. Esta é unha das razóns polas cales a homeostase é fisioloxicamente necesaria en moitas formas de vida.
Este concepto non está relacionado co alcohol desnaturalizado, que é alcohol que foi mesturado con aditivos para facelo inapropiado para o consumo humano. Algúns alimentos e bebidas "desnaturalízanse" desta maneira para utilizalos só para propósitos distintos da alimentación.