Determinación do sexo X0
From Wikipedia, the free encyclopedia
O sistema de determinación do sexo X0 (xe-cero) é o modo en que se determina o sexo da descendencia entre os seguintes grupos de invertebrados e uns poucos peixes:
- A maioría dos arácnidos[1] coa excepción da maioría dos ácaros que son haplodiploides.[2]
- Case todos os insectos apterigotos e paleópteros, (por exemplo, as libélulas e lepismas)
- A maioría dos insectos exopterigotos, (por exemplo, saltóns, grilos e cascudas)
- Algúns nematodos,[1] crustáceos,[1] moluscos gasterópodos[3] e uns poucos peixes óseos,[4] especialmente os do xénero Ancistrus.[5]
Neste sistema hai só un cromosoma sexual, denominado X. Os machos teñen só un cromosoma X (son X0), mentres que as femias teñen dous (son XX). O cero (ás veces aparece escrito menos apropiadamente como a letra O) indica a carencia do segundo cromosoma X. Os gametos maternos (óvulos) sempre conteñen un cromosoma X, polo que o sexo da descendencia destes animais depende de se o gameto masculino (espermatozoide) porta un cromosoma X ou non. Se o espermatozoide que realizou a fecundación non levaba ningún cromosoma X, nace un macho.
Existe unha variante deste sistema na que a maioría dos individuos teñen dous cromosomas sexuais (XX) pero son hermafroditas, producindo tanto óvulos coma espermatozoides, cos cales poden fecundarse a si mesmos, mentres que só hai uns poucos individuos que son machos e teñen só un cromosoma X (X0). O organismo modelo Caenorhabditis elegans (un nematodo) é un bo exemplo deste tipo de organismos.
Algunhas especies de mosca Drosophila teñen machos X0.[6] Pénsase que se orixinaron pola perda do cromosoma Y, que estas moscas normalmente teñen, aínda que nelas a determinación do sexo é pola proporción entre os cromosomas X e os autosomas.[7]