Diñeiro
From Wikipedia, the free encyclopedia
O diñeiro, cartos ou capital é calquera artigo ou rexistro verificable que se acepta xeralmente como pago de bens e servizos e reembolso de débedas, como poden ser os impostos, nun país ou contexto socioeconómico determinado.[1][2][3] As principais funcións que distinguen o diñeiro son as de medio de cambio, unidade de conta, depósito de valor e, en ocasións, o estándar de pago aprazado.
O diñeiro foi historicamente un fenómeno de mercado emerxente que posuía valor intrínseco como mercadoría; case todos os sistemas monetarios contemporáneos baséanse en diñeiro fiduciario sen respaldo e sen valor de uso.[4] En consecuencia, o seu valor derívase por convención social, ao ser declarado por un goberno ou entidade reguladora de curso legal; é dicir, debe ser aceptado como forma de pago dentro das fronteiras do país, para "todas as débedas, públicas e privadas", é o caso do euro, a modo de exemplo, na Comunidade Económica Europea.
Como medida do valor permite facer comparacións entre os diferentes bens e servizos. Como reserva de valor permite ser gardado indefinidamente sen que se deteriore nin perde ningunha das súas características co paso do tempo.
En xeral, é necesario que aquilo que se faga servir como diñeiro sexa escaso, xa porque se utiliza un ben naturalmente escaso, como o ouro ou outros metais preciosos, ou ben porque se fai artificialmente escaso, como sería o caso das moedas e billetes.
Na actualidade, o diñeiro é unha abstracción, polo menos nas sociedades industrializadas. A maior parte da reserva monetaria dun país non existe fisicamente, senón como entidade contable. As moedas e billetes (o diñeiro en efectivo) son o tipo de diñeiro físico máis habitual hoxe en día, aínda que os materiais como o ouro ou a prata aínda manteñen as propiedades esenciais do diñeiro. A comezos do século XXI, o uso do diñeiro electrónico (tarxetas de crédito ou débito) é cada vez máis frecuente nos países industrializados. Para determinar a cantidade de diñeiro existente utilízanse os agregados monetarios.
A masa monetaria dun país comprende todo o efectivo en circulación (billetes e moedas emitidos actualmente) e, dependendo da definición concreta que se utilice, un ou máis tipos de diñeiro bancario (os saldos mantidos en contas correntes, contas de aforros e outros tipos de contas bancarias). O diñeiro bancario, cuxo valor existe nos libros das institucións financeiras e pode converterse en billetes físicos ou utilizarse para pagos sen efectivo, constitúe con diferenza a maior parte do diñeiro amplo nos países desenvolvidos.