O Discurso do método é unha obra de René Descartes publicada en 1637. O título orixinal é Discurso do método para conducir ben a propia razón e buscar a verdade nas ciencias (Discour de la méthode pour bien conduire sa raison, et chercher la vérité dans les sciences) e é unha obra fundamental da filosofía occidental con implicacións para o desenvolvemento da filosofía e da ciencia.

Portada da primeira edición

Contido

O propio Descartes divide a súa obra en seis partes:

Primeira parte

Constitúe unha autobiografía intelectual na que Descartes pon en dúbida todos os coñecementos aprendidos até o momento. Propón un novo método para chegar a un saber que sexa totalmente seguro e realiza unha profunda crítica das ciencias e da filosofía escolástica do seu tempo. Despois diso, recoñece que as matemáticas e o coñecemento doutras persoas, mediante viaxes, ofrecen un saber seguro pero acaba rexeitando estas viaxes xustificándoo asegurando que as diferenzas que existen entre uns pobos e outros non permiten coñecer a verdade. Conclúe afirmando que a única maneira de atopar a verdade é nun mesmo.

Segunda parte

Nesta parte, sinala que as ciencias, ao ser realizadas por diferentes autores coas súas distintas opinións, non son portadoras dun verdadeiro saber. Propón renunciar a esta diversidade de opinións e extraer outra da nosa propia razón, xa que as crenzas coas que nos educaron dependen do contorno onde naceramos e das persoas que nos educaron. Descartes aclara que a reforma non se encamiña a unha reforma da ensinanza oficial, senón que explica como el levou a cabo a reforma do seu propio pensamento. Seguidamente, expón os fundamentos do seu novo método, que foron encontrados na lóxica, na análise, na álxebra e na xeometría.

Terceira parte

Establece a dúbida metódica para poder chegar á verdade na segunda parte, pero nesta terceira explica que, mentres dubida de todo, ten que crear unha moral provisional que controle a súa vida.

Concluída a súa moral provisional, decide dedicar toda a vida á razón e avanzar no coñecemento mediante o uso do método. Para iso, decide viaxar e falar cos homes, e faino durante nove anos, mais, pese a avanzar no coñecemento da verdade, non consegue encontrar os fundamentos dunha filosofía <<máis certa que a vulgar>>. Decide viaxar aos Países Baixos para realizar esta nova filosofía e faino durante a Guerra dos Trinta Anos, tempo suficiente para adicarse a esta tarefa.

Cuarta parte

Este é o capítulo central do Discurso do método, no que crea un principio para a nova filosofía: <<Penso, logo existo>>, establecendo a partir del a existencia de Deus.

A existencia de Deus demóstranos, ao mesmo tempo, a existencia do mundo, xa que Deus é infinitamente bo e non pode deixar que nos enganemos ao pensar que o mundo existe e é así como Deus garante a existencia das nosas ideas.

Pero Descartes, pese a ter en conta o dito, afirma que <<é o noso deber e non o de Deus, librarnos das ilusións e evitar os erros>>.

Quinta parte

Thumb
René Descartes, autor da obra, no seu escritorio

Aquí explica brevemente o contido do mundo. Explica a formación do mundo arredor da luz: o sol prodúcea, os ceos transmítena, a terra e os demais planetas reflíctena e o home actúa como espectador.

A continuación, establece as principais funcións do ser vivo. Sostén que o corazón se dilata e se contrae grazas á calor que expulsa e tamén a que os <<espíritos animais>> son transportados aos distintos órganos.

Por último, diferencia o home do resto dos animais xa que non teñen pensamento ou alma racional. Explícase que os animais si teñen alma, pero é inferior dado que os animais non fan uso da razón e que a alma do home é independente do corpo e inmortal.

Sexta parte

Neste último capítulo, establece unha serie de reflexións sobre o alcance da investigación científica, pensando, ademais, na publicación das súas sopesando as razóns favorables e en contra. Así, o progreso científico reporta moitos beneficios materiais e morais e necesita a comunicación das experiencias doutras persoas.

Pola contra, Descartes non se convence da publicación da súa investigación, xa que esta pode mesturarse co espírito relixioso dos teólogos da época, dando lugar a algunha que outra controversia e malgastando dese modo o seu tempo.

Todas estas razóns lévano a publicar só o Discurso do método e outros pequenos ensaios. No remate da obra, afirma que se consagrará á medicina, afirmando de novo que el non quere ser importante no mundo para poder adicarse ao estudo sen obstáculos nin distraccións.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.