O distrito de Brčko corresponde ao territorio da municipalidade de Brčko localizada no nordés de Bosnia. Logo do Tratado de Dayton, que puxo fin á Guerra en Bosnia en 1995, acordouse que este distrito fose administrado de forma independente polas forzas multinacionais de pacificación. O territorio é estratexicamente importante porque se atopa entre as dúas partes da entidade, por iso en 2000 acordouse que este territorio fose un condominio da República Srpska e a Federación de Bosnia e Hercegovina, mais na práctica posúe autonomía dependendo directamente da República de Bosnia e Hercegovina. O distrito ten unha superficie de 208 km² cunha poboación total de aproximadamente 87.332 habitantes (estimación de 2007). A súa capital é a cidade de Brčko, cuns 31.500 habitantes (estimación de 2007).