museo arqueolóxico romano en Lugo From Wikipedia, the free encyclopedia
A Domus do Mitreo é un museo universitario, situado na cidade de Lugo, que acolle unha antiga vivenda romana e un templo consagrado ao deus Mitra. A domus descubriuse durante unhas escavacións arqueolóxicas no Pazo de Montenegro, adquirido pola Universidade de Santiago de Compostela a finais da década de 1990. Atopáronse os restos dunhas antigas construcións romanas que se inician no século I. Rematadas as escavacións, a parte baixa do vicerreitorado da USC en Lugo converteuse en museo. O museo é propiedade da USC e do Concello de Lugo, e está xestionado pola Universidade.[2]
Museo Universitario A Domus do Mitreo | |
---|---|
Vista interior da Domus do Mitreo. | |
Coordenadas | |
País | Galicia España |
Cidade | Lugo |
Director | Mª Dolores Dopico Caínzos[1] |
Inauguración | 22 de marzo de 2018 |
Na rede | |
https://adomusdomitreo.com | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
En xullo de 1998 a Universidade de Santiago de Compostela adquiriu o pazo de Montenegro e os edificios adxacentes, que estiveran deshabitados durante décadas, para rehabilitalos e urbanizalos de acordo cun proxecto arquitectónico que proporcionaría á cidade un inmoble para acoller a Vicerreitoría do Campus de Lugo e mais outras instalacións culturais.[3] As escavacións acadaron unha superficie de 600 m² e leváronse a cabo durante varias campañas entre 2000 e 2007 baixo a supervisión do arqueólogo Celso Rodríguez Cao, aínda que non foi posible chegar máis aló da Porta de Santiago nin da praza de Pío XII, situada diante da catedral, o que impediu coñecer outros aspectos relevantes da cronoloxía dos restos arqueolóxicos.[4] No sitio documentouse unha domus romana que conta con diferentes fases de construción. No Baixo Imperio sufriu unha gran reforma e construíuse un templo mitraico. Coa construción da Muralla de Lugo abandonouse a domus, se ben o templo a Mitra seguiu en uso durante un tempo. O espazo da domus acolleu traballos relacionados coa propia construción da Muralla, como un muíño no interior do Oecus.
O sitio seguiu ocupado nas diferentes fases históricas da cidade. Atopáronse restos que van dende a Idade Media, como o cemiterio vinculado á catedral de Lugo, ata a época contemporánea, como o propio pazo de Montenegro.
O espazo musealizado agrupa diversos restos arqueolóxicos en tres recintos: o vestíbulo, a planta subterránea (con pano da muralla orixinal e templo de Mitra) e o primeiro andar. As instalacións do museo permiten o acceso á escavación arqueolóxica desde a planta baixa, e a un espazo expositivo situado no primeiro andar que explica a evolución histórica desa área da cidade e dos edificios construídos desde a Idade Media ata a actualidade.[5] Trala construción do edificio, cuxo proxecto e dirección correu a cargo do arquitecto Felipe Peña, o proxecto de musealización adiouse durante varios anos, por mor do seu elevado custo. Finalmente, tras un investimento final, o Museo Universitario abriu as súas portas o 22 de marzo de 2018.[6]
Conta cunha sala de conferencias situada na planta baixa (a Casa do Saber). O espazo é accesible mediante unha plataforma elevadora.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.