Don't ask, don't tell
From Wikipedia, the free encyclopedia
Don't ask, don't tell, (en galego, Non pregunte, non diga) é a expresión coa que se coñece popularmente a política sobre homosexualidade das forzas armadas dos Estados Unidos de América desde 1993 até decembro de 2010, que establecía a lexislación federal (10 U.S.C. § 654) e que foi revogada pola Cámara de Representantes o 16 de decembro de 2010[1] e polo Senado dos Estados Unidos de América o 18 de decembro de 2010[2] e derrogada polo presidente, Barack Obama, o 22 de decembro.[3]
A lei prohibía a calquera homosexual ou bisexual revelar a súa orientación sexual ou falar de calquera relación homosexual, incluíndo matrimonios ou lazos familiares, mentres estivesen a servir no exército, a menos que se producise algunha das excepcións establecidas no apartado 10 U.S.C. § 654 (b). Por outra banda "non preguntar" implica a prohibición que se establece para os superiores de iniciar calquera indagación ou investigación sobre a orientación sexual dos membros do servizo se non se exhibe o comportamento prohibido.[4] A lei prohibía a calquera que "manifeste a súa tendencia ou tente manter prácticas homosexuais" servir nas forzas armadas dos Estados Unidos, porque "podería crear un risco inaceptable para os altos estándares morais, a boa orde e disciplina, e a cohesión da unidade que é a esencia da capacidade militar."