Economía
ciencia social que estuda a produción, distribución, comercio e consumo de bens e servizos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Economía (do grego οίκος [oikos], 'casa', e νομος [nomos], 'regra', polo tanto "dirección dunha casa") é unha ciencia social que estuda a produción, distribución, comercio e consumo de bens e servizos[1].
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2012.) |
A economía, céntrase no comportamento e as interaccións dos axentes económicos e en cales son os mecanismos da actividade económica. A microeconomía trata dos axentes individuais, como fogares e empresas, e os mercados. A macroeconomía considera a economía na súa totalidade (isto é, a produción, oferta e demanda agregadas de diñeiro, capital e mercancías; o aforro e o investimento) e factores que lle afectan, incluíndo o emprego de recursos (traballo, capital e terra), a inflación, o crecemento económico, e as políticas públicas que dirixen estes factores (políticas monetaria, fiscal e outras).
A economía dise normativa cando recomenda unha opción sobre outra, ou cando fai un xuízo subxectivo de valor. Pola contra, a economía dise positiva cando intenta predicir e explicar obxectivamente as consecuencias de eleccións, dadas unha serie de premisas e/ou un conxunto de observacións. A elección de que premisas facer na construción dun modelo así como que observacións destacar son, non obstante, normativas[2]. Os aspectos que reciben a particular atención en economía son: asignación de recursos, produción, distribución, comercio, e competencia. A lóxica económica aplícase cada vez máis a calquera problema que implique a elección en situación de escaseza ou determinar un valor económico.
Outras divisións da economía son: economía teórica e economía aplicada; racional e comportamental; e ortodoxa e heterodoxa. O paradigma económico preponderante é unha combinación da economía neoclásica e da macroeconomía chamada a síntese neoclásica. Varias escolas de economía heterodoxa intentan explicar os fenómenos económicos utilizando premisas, formalismos ou paradigmas diferentes.
A análise económica aplícase amplamente na sociedade, no mercado inmobiliario[3], na empresa[4], nas finanzas, no coidado da saúde[5], e no goberno[6]. Tamén se usa en campos tan diversos como o crime[7], a educación[8], a familia[9], o dereito[10], a política, a relixión[11], as institucións sociais, a guerra[12], a ciencia[13], e o medio ambiente[14]. No cambio ao século XXI, a presenza crecente da economía nas ciencias sociais describiuse como o imperialismo da economía[15].
A persoa que traballa nun dos moitos campos da economía ou que ten un grao académico nesta materia é un economista.