Electrófilo
From Wikipedia, the free encyclopedia
En química, un electrófilo (literalmente amante dos electróns) é un reactivo que é atraído polos electróns e acepta electróns. Os electrófilos son especies químicas cargadas positivamente ou neutras que teñen orbitais libres, que son atraídos a un centro rico en electróns. Participan nunha reacción química aceptando un par de electróns para enlazarse a un nucleófilo. Como os electrófilos aceptan electróns, funcionan como ácidos de Lewis. A maioría dos electrófilos están cargados positivamente, ou ben teñen un átomo que leva unha carga parcial positiva, ou presentan un átomo que non ten un octete de electróns. Os electrófilos son atacados pola parte máis poboada de electróns dun nucleófilo.
Os electrófilos que participan frecuentemente en sínteses orgánicas poden ser catións como o H+ e NO+, moléculas neutras polarizadas como o HCl, haluros de alquilo, haluros de acilo, e compostos carbonilo, ou moléculas neutras polarizables como o Cl2 e Br2, ou tamén axentes oxidantes como os perácidos orgánicos, ou especies químicas que non satisfán a regra do octete como os carbenos e radicais, e algúns ácidos de Lewis como o BH3 e DIBAL.