Elemento viral endóxeno
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un elemento viral endóxeno (EVE) é unha secuencia de ADN derivada dun virus (retrovirus ou un virus doutro tipo), e presente no xenoma da liña xerminal dun organismo non viral. Os EVEs poden ser xenomas virais completos (provirus), ou fragmentos de xenomas virais. Orixínanse cando unha secuencia de ADN viral se integra no xenoma dunha célula xerminal, que dá lugar a un organismo viable. Os EVE que se establecen no xenoma poden herdarse de xeración en xeración como un alelo nas especies hóspede, e poden quedar fixadas.
Os principais son os retrovirus endóxenos. Os retrovirus endóxenos e outros EVEs que aparecen como provirus poden potencialmente seguir sendo capaces de producir virus infecciosos no seu estado endóxeno (aínda que en xeral non o poden facer). A replicación de tales virus endóxenos "activos" pode levar á proliferación viral e a insercións na liña xerminal. Para a maioría dos virus non retrovirais, a integración na liña xerminal parece ser un fenómeno anómalo raro, e os EVEs resultantes son a miúdo só fragmentos do xenoma do virus parental. Ditos fragmentos xeralmente non poden producir virus infecciosos, pero poden expresar proteínas ou ARN.