Estación de Córdoba
From Wikipedia, the free encyclopedia
A estación de Córdoba, chamada anteriormente Córdoba-Central, é unha estación de pasaxeiros situada na cidade andaluza de Córdoba. Tanto a estación de pasaxeiros como a de mercancías da cidade, son estacións de referencia do sur peninsular polo seu alto tráfico e o súa gran capacidade de conexións co resto do país. Ten paradas de autobús e taxis que facilitan o acceso aos viaxeiros a calquera punto da cidade.
Ata Córdoba chega a liña de ferrocarril convencional que une Madrid co sur peninsular, tendo na cidade a separación da liña que leva ata Málaga e Alxeciras. A outra liña continúa cara a Sevilla, onde se separa á súa vez cara a Cádiz ou Huelva. Tamén chega ata Córdoba a liña de AVE, bifurcándose cara a Sevilla ou cara a Málaga e Granada.
Está situada na Praza das Tres Culturas, cun acceso fácil pola Rolda Oeste de Circunvalación de Córdoba.
A estación de Córdoba foi construída para facilitar o acceso a Andalucía cun tren de alta velocidade, que se comezou a fraguar polo goberno español en 1986 cando decidiron construír o Novo Acceso Ferroviario a Andalucía (NAFA) en ancho internacional para circular a alta velocidade como xa existía noutros países.
Durante a súa construción, apareceron restos arqueolóxicos que quedaron parcialmente destruídos. A antiga estación de Cercadilla quedou en desuso (actualmente é a sede de RTVA provincial).
A estación posúe catro vías con ancho internacional especial para os trens de alta velocidade e outras catro de ancho ibérico para os servizos de Media distancia Renfe e longo percorrido por ancho ibérico.
Córdoba tamén conta cos apeadoiros de Rabanales, El Higuerón e Villarrubia, os cales (fóra de Rabanales) non están en uso. Espérase a continuación do seu servizo coa posta en marcha da liña de Proximidades de Córdoba.