Estados Unidos de América
país de América do Norte / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA[1] e EEUU[2][3]; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional[4][5] composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico. O país tamén posúe cinco territorios poboados e nove non poboados no Pacífico e no Caribe. Con 9,85 millóns de km2[6] e 318 millóns de persoas, os Estados Unidos son o terceiro ou cuarto meirande país por área total e o terceiro país por poboación. É un dos países máis multiculturais e diversos etnicamente do mundo, debido á inmigración de moitos países.[7] A xeografía e o clima son moi diversos, e o país é tamén o fogar dunha variada vida salvaxe.
Os paleoindios migraron dende Eurasia ata os actuais Estados Unidos hai 15 000 anos,[8] e a colonización europea comezou no século XVI. Os Estados Unidos xurdiron das Trece Colonias Británicas localizadas na Costa Atlántica. As disputas entre o Reino de Gran Bretaña e as colonias levaron á Revolución Americana. O 4 de xullo de 1776, mentres as colonias estaban a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia, os delegados das 13 colonias asinaron a Declaración de Independencia. A guerra rematou en 1783 co recoñecemento da independencia dos Estados Unidos dende o Reino de Gran Bretaña, e foi a primeira guerra de independencia con éxito contra un imperio colonial europeo.[9][10] A actual Constitución foi adoptada o 17 de setembro de 1787. As primeiras dez emendas, chamadas colectivamente Declaración de Dereitos, foron ratificadas en 1791 e deseñadas para garantir os dereitos e liberdades civís fundamentais.
De acordo coa doutrina do destino manifesto, os Estados Unidos embarcáronse nunha grande expansión en Norteamérica ó longo do século XIX.[11] Isto supuxo o desprazamento das tribos nativas, adquisicións de novos territorios e a admisión gradual de novos estados.[11] Durante a segunda metade do século XIX, a guerra civil estadounidense acabou coa escravitude legal no país.[12] No final dese século, os Estados Unidos estendéronse ata o océano Pacífico,[13] e a súa economía comezou a evolucionar.[14] A guerra hispano-estadounidense e a primeira guerra mundial confirmaron o status do país como potencia militar. Os Estados Unidos emerxeron da segunda guerra mundial como superpotencia mundial ó ser o primeiro país en desenvolver armas nucleares, o único en usalas en guerra, e como membro permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. A fin da guerra fría e a disolución da Unión Soviética permitiron que os Estados Unidos ficasen como a única superpotencia.[15]
Os Estados Unidos son un país desenvolvido e a meirande economía do mundo.[16] A economía aliméntase da abundancia de recursos naturais e a produtividade da man de obra.[17] Mentres a economía estadounidense está considerada como post-industrial, continúa a ser un dos manufactureiros máis importantes do mundo.[18] O 37% dos orzamentos do país corresponden a gasto militar,[19] sendo a primeira potencia económica e militar, unha gran forza cultural e política, e o líder en investigación científica e innovación tecnolóxica.[20]
En 1507, o cartógrafo alemán Martin Waldseemüller elaborou un planisferio no que chamou ás terras do hemisferio occidental «América», en honor ao explorador e cartógrafo italiano Amerigo Vespucci (en latín: Americus Vespucius).[21] As antigas colonias británicas utilizaron por primeira vez o nome do país moderno na Declaración de Independencia, a "unánime declaración dos trece Estados Unidos de América" adoptada polos "representantes dos Estados Unidos de América" o 4 de xullo de 1776.
- Artigo principal: Historia dos Estados Unidos de América.
Os actuais Estados Unidos de América orixináronse a partir das Trece Colonias británicas establecidas na costa atlántica da América do Norte desde o século XVII. En 1776, organizouse unha revolta da clase dirixente dos colonos e seguiu a Revolución Americana de 1776, guerra de independencia contra os colonizadores. En 1789, o país adoptou unha constitución e asumiu a forma dunha República federal, dando unha grande autonomía aos estados federados. Desde a súa independencia efectiva de Inglaterra, en 1783, e ata mediados do século XX fóronse incorporando novos territorios e estados, ampliando as fronteiras ata o océano Pacífico.
A ocupación humana do territorio dos Estados Unidos comezou coa migración de pobos da Asia, a través do estreito de Bering, nun período indeterminado (as estimacións varían de 10 a 40 mil anos antes).
Durante o século xvi e xvii, exploradores españois exploraron e colonizaron escasamente as rexións que constitúen actualmente o sur da Florida e da rexión sur dos Estados Unidos. O primeiro asentamento inglés con éxito foi Jamestown, no actual estado de Virxinia, fundada en 1607. Durante as seguintes dúas décadas, fundáronse varios asentamentos neerlandeses no que actualmente constitúe o Estado de Nova York, incluíndo a vila de Nova Ámsterdan, que é actualmente a cidade de Nova York, aínda que a extensiva colonización inglesa da costa leste dos Estados Unidos, quitou os neerlandeses da rexión na década de 1670.
Despois da guerra franco-indíxena, onde Francia perdeu as súas colonias en favor de Inglaterra (colonias que actualmente constitúen o leste do Canadá), esta comezou a impor impostos, sendo unha das principais razóns os custos financeiros da guerra. Estes impostos tornáronse extremadamente impopulares entre os colonos norteamericanos, que alén diso, non dispuñan de representación no Parlamento do Reino Unido. As tensións entre as 13 colonias inglesas e o Reino Unido medraron, e as 13 colonias rebeláronse contra os británicos, na Revolución Americana de 1776, entre 1775 a 1783. A estrutura política orixinal das 13 colonias era unha confederación, ratificada en 1781. En 1789, os Estados Unidos optaron por se converter nunha República federal.
Desde tempos coloniais, os Estados Unidos tiveron falta de man de obra. Daquela, as diferenzas socioeconómicas no país eran enormes, cun norte industrializado e un sur agrario. A falta de man de obra incentivou a inmigración europea no Norte e o uso do traballo escravo no Sur, que facía un uso extensivo de escravos comprados no continente africano. Os estados industrializados do norte eran contrarios á escravitude, mentres o sur consideraba a escravitude indispensábel para a súa agricultura. Estas diferenzas foron un dos moitos motivos de tensión política que desencadearon a formación dos Estados Confederados de América, e irromperon na guerra civil estadounidense, entre 1861 e 1865. A Confederación disolveuse ao fin da guerra, e o poder político dos suristas no goberno do país diminuíu drasticamente. A guerra civil estadounidense acabou efectivamente coa cuestión dos dereitos dun estado a saír da Unión. Despois da guerra, o goberno federal norteamericano tornouse efectivamente máis poderoso que os gobernos estatais.
Ao longo do século xix, engadíronse varios novos estados aos 13 orixinais, a medida que a nación se expandiu na América do Norte. O Destino Manifesto foi unha filosofía política dos Estados Unidos que animou á expansión rumbo ao Oeste. Conforme a poboación dos estados do leste medraba e un número cada vez maior de inmigrantes entraba no país, pasaron cada vez máis asentadores a habitar rexións máis ao Oeste. Mentres isto acontecía, os Estados Unidos acabaron efectivamente con todas as nacións indíxenas existentes no territorio norteamericano, e movendo forzadamente a poboación indíxena dos seus antigos territorios cara a reservas indíxenas. Esta migración forzada é aínda un asunto moi discutido nos Estados Unidos, con varias tribos indíxenas aínda reivindicando terras, e defendendo unha política separatista. Nalgunhas áreas, os indíxenas norteamericanos foron exterminados por doenzas infecciosas, descoñecidas por aqueles, das que se contaminaron a través do contacto con persoas de ascendencia europea, e os asentadores norteamericanos adquiriron despois estas terras de ninguén.
Os Estados Unidos non foron unha potencia colonial, aínda que, a través de varias vitorias militares, diplomacia e acordos externos, adquiriron un número de posesións ultramarinas, desde Cuba ata as Filipinas. Aínda que os Estados Unidos teñan aberto man destes territorios gradualmente, algunhas destas posesións continúan baixo o seu control, sexa na forma de territorios (como Porto Rico) ou de estados (como o Hawai).
No século xix, os Estados Unidos tornáronse unha potencia económica e militar mundial. No 1823 o Presidente James Monroe enunciou a Doutrina Monroe, sintentizada nunha frase: "América para os americanos". No 1846 o Presidente James Polk enunciou o Destino Manifesto como corpo teórico para a expansión territorial. Ambas doutrinas actuaron de alicerce para que ata hoxe os EEUU teñan intervido en numerosas ocasións no estranxeiro, en particular en América Latina.[22] O crecemento da súa influencia sobre o mundo continuou no século XX, un século por veces chamado "o século norteamericano", pola tremenda influencia norteamericana sobre o resto do mundo.
Esta influencia pode verse na Gran Depresión, un período de gran recesión económica entre 1929 e 1939, que non só abateu todo o país senón tamén o Canadá e os países europeos (especialmente Inglaterra e Alemaña). Os Estados Unidos adoptaban ata o comezo do século XX unha política isolacionista, procurando non se entremeters en conflitos internacionais. Porén, isto mudou coa entrada do país na primeira guerra mundial e na segunda guerra mundial. Despois do fin desta, os Estados Unidos emerxeron definitivamente como unha das superpotencias mundiais, xuntamente coa Unión Soviética - desencadeando a guerra fría. Entre 1945 e 1991, ano do fin da Unión Soviética e do fin da guerra fría, os Estados Unidos comprometéronse moito en asuntos exteriores, -especialmente na guerra ideolóxica contra o comunismo- participando activamente na guerra de Corea e na guerra do Vietnam. Co colapso da Unión Soviética, os Estados Unidos emerxeron como única superpotencia mundial. Participando na guerra do Golfo (1991), expulsando as tropas iraquianas que invadiran Kuwait.
En 2001, os Estados Unidos sufriron o peor ataque en terras soberanas da historia do país, nos atentados do 11 de setembro, onde morreron case 3 000 persoas. Este ataque terrorista, desencadeou a chamada guerra contra o terrorismo e, posteriormente, a controvertida guerra contra o Iraq.
- Artigo principal: Xeografía dos Estados Unidos de América.
Sendo a cuarta maior nación do mundo, a paisaxe dos Estados Unidos varía de rexión a rexión. O país posúe grandes forestas temperadas na costa leste e no noroeste, pantanos na Florida, as Grandes Chairas e o sistema fluvial do Mississippi-Missouri na rexión central, as Montañas Rochosas a oeste das chairas, desertos e zonas costeiras ao oeste das Montañas Rochosas e forestas húmidas temperadas no noroeste da costa do Pacífico. As rexións árticas de Alasca e as illas volcánicas de Hawai aumentan aínda a diversidade xeográfica e climática.
O mapa político dos Estados Unidos está dividido en tres distintas seccións: Alasca, conectada por terra co Canadá, ao leste; Hawai, un arquipélago localizado no medio do océano Pacífico, e o Estados Unidos Continental, que comprende os 48 estados localizados na América do Norte. A fronteira dos Estados Unidos Continental co Canadá é a máis longa fronteira non defendida do mundo.
Clima
Debido á súa grande extensión territorial, o clima varía moito de rexión á rexión. Florida posúe un clima tropical, mentres Alasca posúe un clima polar. Vastas porcións do país teñen un clima continental, con veráns tépedos e invernos fríos. Algunhas partes, en particular zonas de California, teñen un clima mediterráneo. No xeral, a maior parte dos Estados Unidos posúe un clima temperado ou subtropical, marcado por catro estacións, con mudanzas regulares de temperatura e precipitación.
A temperatura media anual varía de -13 °C graos en Barrow, Alasca, a 25,7 graos, no Val da Morte, California. A precipitación media anual varía entre 5 centímetros no Val da Morte ata 1,170 en Hawai.