Expansión da Antiga Confederación Suíza
From Wikipedia, the free encyclopedia
A expansión da Antiga Confederación Suíza é o período da Historia de Suíza que abrangue aproximadamente dende a creación das primeiras alianzas entre rexións, en 1291, até a entrada da Reforma protestante na xa madura Antiga Confederación Suíza, en 1516.
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Esta época caracterizouse nos territorios alpinos polo estabelecemento de alianzas, nun principio febles, entre un número crecente de rexións e o seu progresivo fortalecemento até formar un estado independente do resto das potencias. Comezou como unha alianza entre as comunidades dos vales dos Alpes centrais para facilitar a satisfacción dos intereses comúns como o libre comercio e para asegurar a paz ao longo das importantes rutas comerciais a través das montañas. A finais da Idade Media, esta rexión pertencía ao Sacro Imperio Romano Xermánico e, por mor da súa importancia estratéxica, os emperadores Hohenstaufen garantíronlle a condición de reichsfrei (reino libre) a principios do século XIII. Como rexións reichsfrei, os cantóns (ou rexións) de Uri, Schwyz e Unterwalden ficaron baixo a autoridade directa do emperador, pero fóra do control intermedio de señores feudais, así que gozaban dunha ampla autonomía. Co auxe da dinastía dos Habsburgo, os reis e duques de Habsburgo buscaron estender a súa influencia sobre esta rexión e situala baixo o seu dominio. En consecuencia producíronse conflitos entre os Habsburgo e as comunidades das montañas, que trataban de defender o seu status privilexiado como rexións reichsfrei. Os tres estados fundadores da Eidgenossenschaft Suíza, nome que recibiu a confederación, uníronse a principios do século XIV ás cidades estado de Lucerna, Zúric e Berna, conseguindo derrotar aos exércitos dos Habsburgo en numerosas ocasións. Tamén sacou partido o Sacro Imperio Xermánico que durante a maior parte do século XIV estivo baixo a influencia da Casa de Luxemburgo, que lles consideraba aliados potenciais contra os Habsburgo. En 1460 os confederados controlaban a maior parte do territorio ao sur e ao oeste do río Rin até os Alpes e a cordilleira do Xura. A finais do século XV e tras librar dúas guerras, a confederación estendeuse até sumar trece cantóns (os Dreizehn Orte): na Guerra de Borgoña da década de 1470 os confederados aseguraron a súa hexemonía na fronteira occidental e a súa vitoria na Guerra Suaba en 1499 contra os exércitos do emperador Habsburgo Maximiliano I proporcionoulles a independencia de facto do imperio. Durante o seu involucramento nas Guerras Italianas os suízos conseguiron o control sobre o Cantón do Tesino. No século XIV floreceron dúas federacións similares nos Alpes: no actual Cantón dos Grisóns fundouse a federación das Tres Ligas (Drei Bünde), e no actual cantón do Valais, os Sete Décimos (Sieben Zenden), que se formaron como resultado dos conflitos coa Casa de Savoia. Ningunha destas dúas federacións foi parte da Eidgenossenschaft, pero ambas as dúas estaban estreitamente relacionadas con ela.