Farmacocinética
From Wikipedia, the free encyclopedia
A farmacocinética é a rama da farmacoloxía que estuda os procesos aos que é sometido un fármaco durante o seu paso polo organismo. Trata de dilucidar que lle ocorre a un fármaco desde o momento en que é administrado ata a súa total eliminación do corpo.
Para isto, desenvolvéronse diferentes modelos que simplifican os numerosos procesos que teñen lugar entre o organismo e o fármaco. Aínda que o modelo policompartimental é o máis próximo á realidade, a complicación que supón fixo que os máis usados sexan os modelos monocompartimental e bicompartimental. Desde ese prisma, o estudo detallado das sucesivas etapas polas que pasa o fármaco no organismo, desígnanse co acrónimo LADME, que son as siglas de:
- Liberación do produto activo,
- Absorción do produto,
- Distribución polo organismo,
- Metabolismo ou inactivación, ao ser recoñecido polo organismo como unha substancia estraña, e
- Excreción do fármaco ou os residuos que queden do mesmo.
Estas distintas fases, implican a utilización e manexo de conceptos básicos para comprender a dinámica instaurada. Así, as propiedades das substancias que actúan como excipientes, as características das membranas biolóxicas e a forma en que as substancias poden atravesalas, ou as características das reaccións encimáticas que inactivan o fármaco, son de necesario coñemento para a correcta comprensión da cinética do fármaco.
Todos estes conceptos pódense representar por medio de fórmulas matemáticas que teñen a súa correspondente representación gráfica. Desta maneira pódense saber tanto as características dunha molécula coma a maneira en que se comportará determinado fármaco coñecendo algunhas das súas características básicas. Así, o coñecemento do pKa, a súa biodispoñibilidade ou hidrosolubilidade, orientan sobre a súa capacidade de absorción ou distribución no organismo.
As gráficas resultantes do estudo dun fármaco teñen valor trascendental en aplicacións na industria (cálculos de bioequivalencia no deseño de fármacos xenéricos, por exemplo) ou na aplicación clínica dos conceptos farmacocinéticos. A farmacocinética clínica proporciona abundantes pautas de actuación para o correcto uso dos fármacos, procurando o máximo de efectividade e utilidade para os profesionais da medicina humana e veterinaria.