Fonoloxía
disciplina da Lingüística que estuda a función da materia fónica nun sistema lingüístico / From Wikipedia, the free encyclopedia
A fonoloxía (ás veces chamada co innecesario anglicismo fonémica) é a disciplina da Lingüística que estuda a función da materia fónica como constituínte dun sistema lingüístico; estuda os fonemas como unidades sonoras mínimas capaces de diferenciaren significados. A fonoloxía persegue o coñecemento e determinación dos sons puramente funcionais nas distintas linguas.
Tanto a fonoloxía como a fonética teñen como obxecto de estudo os aspectos sonoros do signo lingüístico e o nome das dúas deriva da palabra grega phonos ("voz" ou "son"). A fonoloxía estuda os sons desde o punto de vista da lingua, do sistema, da forma. Para a fonoloxía o son é unha unidade de lingua virtual, relevante e significativa que posúe un valor determinado. As unidades da fonoloxía, os fonemas, son abstractas, son sons inmateriais que son recoñecidos no seo dunha comunidade de fala.
- Por exemplo, nas palabras vai e avó as consoantes son distintas do punto de vista articulatorio e das características físicas, pois aínda que as dúas son bilabiais e sonoras, a primeira é oclusiva e a segunda fricativa. Son foneticamente dous sons diferentes. Malia todo, desde o punto de vista do sistema do galego esta diferenza non é distintiva e polo tanto ambas as dúas realizacións realizan un único fonema desde o punto de vista da fonoloxía. Noutros idiomas a distinción si podería ser pertinente. Así, por exemplo, a distinción entre e aberto e fechado é estudada pola fonoloxía en galego, pois hai palabras como presa (apuro e barraxe) que se diferencian por ese fonema, pero non o é en español, onde só é obxecto de descrición fonética.
Porén, ambas as dúas disciplinas están interconectadas, porque sen a fonoloxía non se podería descubrir o verdadeiramente sistemático da lingua e sen a fonética a fonoloxía non se podería ter desenvolvido. En canto a Fonética se ocupa de todas as variacións e de todas as posibilidades que ofrece a materia fónica, a fonoloxía ocúpase dos sons que posúen un valor diferenciador de significados.
A fonoloxía utiliza procedementos de estudo propiamente lingüísticos, como poden ser a conmutación ou estudo das relacións paradigmáticas e sintagmáticas na distinción de oposición e contraste.