museo numismático noruegués From Wikipedia, the free encyclopedia
O Gabinete Numismático de Oslo (en noruegués: Myntkabinettet), tamén coñecido como Gabinete Numismático da Universidade de Oslo (Universitetets Myntkabinett) é unha colección pública de moedas e unha institución museística establecida en Oslo, Noruega, en 1817.[1][2]
Gabinete Numismático de Oslo –Myntkabinettet– | |
---|---|
Museo de Historia Cultural sede do Gabinete Numismático de Oslo | |
Coordenadas | 59°55′01″N 10°44′09″L |
País | Noruega |
Cidade | Oslo |
Inauguración | 1817 |
[ editar datos en Wikidata ] | |
En 1999 o Myntkabinettet pasou a formar parte da rede de museos de historia cultural da Universidade de Oslo e en 2004 integrouse no Museo de Historia Cultural.[1][2]
O Gabinete Numismático da Universidade de Oslo fundouse en 1817, a partir da adquisición de 6.000 moedas antigas procedentes da colección real de Copenhague, por iniciativa de Georg Sverdrup, profesor de grego, bibliotecario da universidade e un dos asinantes da constitución norueguesa.[3][4]
Entre 1830 e 1876, coincidindo co período de C. A. Holmboe como segundo director do Gabinete, os fondos da colección aumentaron desde as 9.000 pezas ata superar as 43.000, grazas, en parte, á adquisición de varios dos maiores tesouros de moedas norueguesas da época viquinga, entre os que destacan os coñecidos como tesouro Dæli e tesouro Årstad.[3]
A partir da década de 1920 a colección seguiu incrementándose a través de novos achados monetarios, adquisicións e diversas doazóns. Unhas das adquisicións máis importantes deste períoro foron a de Fridtjof Nansen e Roald Amundsen, constituída por medallas e condecoracións, e a de Frederik Schjöth, de moedas chinesas.[3]
Xunto coa colección de antigüidades, o gabinete numismático ocupou diversas instalacións universitarias e, cando en 1952 se inaugurou a nova sede da Universidade de Oslo no centro da cidade, este foi instalado na Domus Academica, coñecida como o "Edificio do Reloxo".[4] Ao inaugurarase en 1904 o novo edificio do Museo de Historia Cultural, o Gabinete Numismático pasou a instalarse nel.
A colección actual consta de arredor de 250.000 obxectos relacionados coa moeda, procedentes de todo o mundo e representativos de todas as etapas históricas, e o Gabinete conta cunha biblioteca especializada de 8.000 volumes.[1][3]
As moedas da Antiga Roma e da Antiga Grecia acadan a cantidade de 20.000 pezas. A moeda viquinga está representada por uns 5.000 exemplares de diversos territorios europeos e arredor de 20.000 norueguesas, a maior parte delas procedentes de diversos achados.[3] Cómpre, a este respecto, ter en conta que o Estado noruegués ten a propiedade de todas as moedas anteriores a 1650 atopadas en achados monetarios, en virtude da Lei do patrimonio cultural do 9 de xuño de 1978.[5]
O Myntkabinettet alberga tamén diversas coleccións de moedas norueguesas e europeas de épocas máis recentes, así como outras moedas, medallas, billetes e condecoracións de todo o mundo.[3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.