Glaciación
From Wikipedia, the free encyclopedia
As glaciacións son fenómenos climáticos que ocorren ao longo da historia do planeta Terra. Como o propio nome suxire, é un período de frío intenso cando a temperatura media da Terra baixou, provocando o aumento das xeeiras nos polos e unha acumulación de xeo nas zonas montañosas próximo ás rexións de neves eternas (que nunca derreten).
Actualmente as xeeiras ocupan un 10% da área total do planeta e a maioría está localizada nas rexións polares como a Antártica e Groenlandia, mais non sempre foi así. Nos períodos glaciais o xeo cubría preto de 32% da terra e 30% dos océanos.
As glaciacións provocaron grandes mudanzas no relevo continental e no nivel do mar. Cando a temperatura global diminuíu, ocorreu, como consecuencia, o aumento das xeeiras, ou sexa, as baixas temperaturas provocaron o conxelamento da auga nos polos aumentando a cantidade de xeo nos cascos polares.
Outra consecuencia deste proceso foi que a formación das xeeiras non quedou restrinxida ás rexións polares. A neve e o xeo fóronse acumulando nas zonas montañosas próximas aos picos, ano tras ano, ata que o seu propio peso fixo que se desprazasen lentamente, provocando grandes alteracións de relevo no camiño por onde pasaban, formando profundos vales en forma de U e os depósitos de pedra que arrastra o glaciar (morenas). Estas masas de xeo e neve son os glaciares que foron deslizando lentamente ata alcanzar zonas máis quentes, onde se foron derretendo e formando a cabeceira dun río ou dando orixe aos lagos glaciais.
Outra consecuencia foi o rebaixamento do nivel dos mares debido á retención de auga nos polos. O mar afastouse da liña da costa, das praias, por exemplo, expondo grandes extensións de terra e unindo illas e continentes entre si, formando as chamadas pontes terrestres.
Entre os períodos glaciais hai períodos interglaciais, nos que a temperatura da Terra se eleva. O período en que vivimos non é máis que un interglacial.