Glicolípido
lípido que leva unido un carbohidrato / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os glicolípidos son lípidos que levan unido un carbohidrato. Funcionan na célula como constituíntes das membranas celulares e como marcadores para o recoñecemento celular.
Os termos glicolípido e glicoesfingolípido non son sinónimos. O termo glicolípido ten un significado máis amplo e inclúe varios subgrupos de substancias, un dos cales son os glicoesfingolípidos [1].
Os glicolípidos son moléculas anfipáticas, xa que teñen unha parte polar (o glícido) e unha parte apolar (o lípido). O glícido dos glicolípidos da membrana proxéctase alén da bicapa lipídica no medio acuoso extracelular, onde actúa como un sitio de recoñecemento para substancias específicas e para manter a estabilidade da membrana e unir unhas células a outras nos tecidos. A estrutura do carbohidrato dos glicolípidos está controlada por glicosiltransferases e por glicosilhidrolases, que modifican os azucres despois da súa adición á molécula.
As esfingolipidoses, como a enfermidade de Gaucher [2] e a enfermidade de Fabry, están asociadas con defectos metabólicos que causan a acumulación de glicolípidos nos lisosomas da célula. Foi moi estudado o papel dos gangliósidos na patoxénese da enfermidade de Alzheimer[3].