Hóckey a patíns
deporte de equipo con pelota / From Wikipedia, the free encyclopedia
O hóckey a patíns[1] é un deporte de equipo que se xoga en patíns de catro rodas paralelas, no que se enfrontan dous equipos de cinco xogadores cada un (un porteiro e catro xogadores de campo), que empregan un pau de madeira de forma curva ou stick para conducir e golpear unha pequena pelota de caucho. Este deporte xógase nunha pista pechada por un valo de esquinas redondeadas e dúas porterías. O hóckey a patíns é practicado principalmente en Europa e América do Sur, e os países que historicamente dominaron nesta modalidade a nivel mundial foron Portugal, España, Arxentina e Italia. O hóckey rodado tamén ten importancia nalgúns países de África, principalmente en Angola e Mozambique (antigas colonias portuguesas); o mesmo pasa en Asia, onde a máxima dominadora é Macau.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
O hóckey a patíns é coñecido polo nome de roller hockey en inglés, rink hockey ou hockey sur patins[2], nos países francófonos, hardball hockey en Estados Unidos, hockey sobre patines nos países de fala castelá, hoquei sobre patins nas áreas de fala catalá e hoquei em patins nos países de fala portuguesa.
O hóckey a patíns non é unha modalidade olímpica na actualidade, mais nos Xogos Olímpicos de Verán de 1992 foi incluído como deporte de exhibición, gañando a medalla de ouro a selección da Arxentina.