Halobacterias
From Wikipedia, the free encyclopedia
En taxonomía, as halobacterias ou Halobacteria son unha clase de arqueas do grupo das Euryarchaeota[1]. Algúns autores tamén lles deron o nome de Halomebacteria[1], e máis recentemente proponse para elas o nome Haloarchaea (haloarqueas).[2] As halobacterias encóntranse en augas saturadas ou con altas concentracións de sal. A pesar do seu nome, o termo Halobacteria en taxonomía non se refire a bacterias senón a arqueas e ten categoría de clase, e é un termo válido e recoñecido. Porén, o nome "halobacteria" para denominar a estes organismos hoxe considerados arqueanos foi asignado antes de que os procariotas se separasen en dous dominios, as Bacteria e as Archaea, e, segundo as normas de nomenclatura o nome segue sendo válido a efectos taxonómicos, aínda que mantén a terminación antiga (-bacteria), por iso algúns propuxeron como novo nome Haloarchaea[2], polo momento non aprobado, pero que serve, en contextos non taxonómicos, para diferencialas das bacterias halófilas.
Halobacterias | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Halobacterium sp. cepa NRC-1, cada célula duns 5 µm de lonxitude. | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Orde | |||||||||
| |||||||||
Sinonimia | |||||||||
|
Estes microorganismos forman parte da comunidade halófila, porque requiren altas concentracións de sal para vivir. Son unha rama evolutiva das Archaea, e considéranse xeralmente extremófilos, aínda que hai excepcións.
As halobacterias (=haloarqueas) poden crecer aeróbica ou anaerobicamente. Partes das membranas das holoarqueas son de cor purpúrea, e as grandes floracións destas Halobacteria teñen unha cor avermellada, debido ao pigmento bacteriorrodopsina que teñen, que está relacionado co pigmento da retina rodopsina. A bacteriorrodopsina utilízase para absorber luz, que lles proporciona enerxía para formar ATP. As Halobacteria tamén posúen un segundo pigmento, a halorrodopsina, que bombea ións cloruro á célula en resposta aos fotóns, creando unha gradiente de voltaxe e axudando á produción de enerxía a partir da luz. Porén, o proceso non está relacionado con outras formas de fotosíntese que implican transporte de electróns, e as Halobacteria non poden fixar o carbono a partir do dióxido de carbono.[3]