Hepáticas
From Wikipedia, the free encyclopedia
As hepáticas[4] ou marcantiófitas (Marchantiophyta), que tamén recibiron os nomes de Hepaticophyta, Hepatophyta ou Hepaticae (clase), son unha división de plantas non vasculares embriófitas. O seu nome procede do aspecto de moitas delas semellante ao fígado. En galego reciben tamén o nome de escamentas[5] ou follas das pedras[6]. Igual que os musgos e antocerotas, teñen un ciclo de vida no que domina o gametófito, no cal as células da planta levan un só conxunto de cromosomas (son haploides).
Hepáticas Rango fósil: Ordovícico medio[1]-Actual (420-0 millóns de anos) | |||||
---|---|---|---|---|---|
As "Hepaticae" ilustradas no libro de Ernst Haeckel Kunstformen der Natur, 1904 | |||||
Clasificación científica | |||||
| |||||
Clases e ordes | |||||
|
Estímase que hai unhas 9.000 especies de hepáticas. Algunhas das especies máis familiares crecen formando unha estrutura talofítica sen follas, pero a maioría das especies teñen formacións aplanadas follosas e unha forma moi parecida a un musgo aplanado. As especies con este tipo de "follas" poden distinguirse dos musgos aparentemente similares por varias características, como os seus rizoides formados por unha soa célula. As hepáticas follosas tamén difiren da maioría dos musgos (pero non de todos) en que as súas "follas" nunca teñen unha costa (presente en moitos musgos) e poden ter cilios marxinais (moi raros en musgos). Outras diferenzas non son universais para todos os musgos e hepáticas, pero a presenza de "follas" dispostas en tres filas, a presenza de lobos profundos ou "follas" segmentadas, ou a ausencia de caulidios (taliños) ou filidios (folliñas) claramente diferenciados son características que apuntan a que a planta é unha hepática.
As hepáticas son caracteristicamente pequenas, xeralmente de 2 a 20 mm de largo e individuos de menos de 10 cm de longo, polo que moitas veces pasan desapercibidas. Porén, certas especies poden cubrir grandes áreas do chan, rochas, árbores ou calquera outro substrato razoablemente firme no cal se poidan desenvolver. Están distribuídas por todo o mundo en case todos os hábitats dispoñibles, pero máis frecuentemente en sitios húmidos, aínda que no deserto frío ártico hai especies de hepáticas tamén. Algunhas especies poden ser unha molestia en invernadoiros sombreados ou xardíns.[7]