Hidrófobo
From Wikipedia, the free encyclopedia
En química un composto hidrófobo[1] (do grego medo ou odio á auga) é aquel que ten a propiedade de non poder establecer enlaces de hidróxeno coa auga, polo que é "repelido" (excluído) por unha masa de auga e non se mestura ben ou disolve nela.[2]
As moléculas hidrófobas son apolares (ou de mínima polaridade), é dicir son moléculas neutras, que tenden a non presentar grupos químicos polares (con algún átomo moi electronegativo), que orixinen cargas eléctricas parciais δ+ e δ-. As longas cadeas hidrocoarbonadas dalgunhas moléculas son hidrófobas. As moléculas hidrófobas tenden a unirse a outras moléculas neutras e a solventes apolares. A auga sobre superficies hidrófobas presenta un elevado ángulo de contacto.
Exemplos de moléculas hidrófobas son os alcanos e os triglicéridos (aceites e graxas), e as substancias graxas en xeral. Utilízanse materiais hidrófobos para a eliminación de aceites da auga, nos tratamentos paliativos dos derramos de petróleo, e para procesos de separación química que requiran separar compostos apolares dos polares.
Hidrófobo e lipófilo son termos que xeralmente se usan indistintamente, aínda que non son exactamente sinónimos, porque, aínda que as substancias hidrófobas son case sempre lipófilas, hai excepcións, como as siliconas e fluorocarbonos, que son hidrófobas mais non lipófilas. Os lipófilos disólvense en lípidos e solventes apolares[3].
Hai moléculas que teñen unha parte hidrófoba e outra hidrófila, como por exemplo, os fosfoglicéridos, que reciben o nome de compostos anfipáticos. Estes compostos forman facilmente micelas en disolución acuosa, as cales son esferas que teñen a parte hidrófila das moléculas no exterior e a hidrófoba no interior.