Holoencima ADN polimerase III
From Wikipedia, the free encyclopedia
O holoencima ADN polimerase III ou holoenzima DNA polimerase III é o principal complexo encimático que intervén na replicación do ADN procariótica. O complexo está formado pola ADN polimerase III e outras varias proteínas, que se denominan subunidades. Foi descuberto por Thomas Kornberg (fillo de Arthur Kornberg) e Malcolm Gefter en 1970 na bacteria E.coli. O complexo ten unha alta procesividade (é dicir, o número de nucleótidos engadidos cada vez que se une o encima ao ADN é alto) e, funciona en conxunción con outras ADN polimerases (ADN pol I, ADN pol II, ADN pol IV, e ADN pol V). Ademais da súa capacidade de polimerizar o ADN, que o fai o principal holoencima implicado na replicación do ADN, este holoencima ten tamén actividade de corrección de probas para corrixir erros de replicación por medio dunha actividade de exonuclease 3'→5'. A ADN pol III é un compoñente do replisoma, que está localizado na forquita de replicación.