Honoré de Balzac
escritor francés / From Wikipedia, the free encyclopedia
Honoré de Balzac, nado Honoré Balzac[1][2][3], en Tours o 20 de maio de 1799 e finado en París o 18 de agosto de 1850, foi un escritor, crítico literario, ensaísta, dramaturgo, xornalista e impresor francés. Destaca a súa inmensa produción novelística, conformada por 137 novelas e novelas curtas publicadas entre 1829 a 1852.
Traballador furioso, debilitando a súa saúde xa precaria por excesos (morreu prematuramente aos 51 anos), endebedado por investimentos arriscados, fuxindo dos seus acredores baixo falsos nomes en diferentes moradas, Balzac mantivo numerosas relacións femininas con aristócratas e casou finalmente coa condesa Hanska en 1850, despois de cortexala durante preto de vinte anos.
Balzac é un dos mestres incontestados da novela francesa. Produciu en varios xéneros: a novela histórica, a novela política, con Les Chouans, a novela filosófica con A obra mestra descoñecida (orix. Le Chef-d'œuvre inconnu, traducida por Marcos Ares Fontela e María Xesús Lama López), a novela fantástica con La Peau de chagrin, a novela «poética» con Le Lys dans la vallée. Pero as súas novelas realistas e psicolóxicas máis célebres como Le Père Goriot ou Eugénie Grandet, que constitúen unha parte moi importante da súa obra, induciron, a miúdo, unha clasificación redutora de «autor realista»[4], mentres que se atopan na súa obra numerosos rastros do romanticismo da época, sobre todo o posto feito ao sentimento namorado en Les Chouans ou no Le Lys dans la vallée, ao fantástico en La Peau de Chagrin, ou aínda ás esgazaduras do xenio en Louis Lambert [5][6]..
Balzac organizou as súas obras nun conxunto de grande amplitude chamado a La Comédie humaine (A Comedia Humana). O título é unha referencia a Divina Comedia de Dante. O seu proxecto é explorar as diferentes clases sociais e os individuos que as compoñen, para "competir co rexistro civil" segundo a súa fórmula célebre. Reuniu os seus textos en conxuntos xenéricos: Études de mœurs (Estudos de costumes), Études analytiques (Estudos analíticos), Études philosophiques, (Estudos filosóficos). Se os Estudos de costumes son os máis numerosos, Balzac atribuíalle non obstante unha enorme importancia aos Estudos filosóficos, que eran segundo os seus propios termos «a clave que permite comprender o conxunto da miña obra», en particular, a La peau de chagrin [7].
Séguense reimprimindo as obras de Balzac, incluído as súas obras de xuventude. As súas novelas son aínda unha fonte inesgotable para o cine que adaptou dende 1906 La Marâtre (A madrasta), e que non remata de adaptar as súas novelas para a televisión, aproximadamente un centenar de películas e telefilmes en varios países.