Somatomedina C
From Wikipedia, the free encyclopedia
A somatomedina C ou factor de crecemento similar á insulina tipo 1 (IGF-1 ou IGF-I) é unha proteína que nos seres humanos está codificada polo xene IGF1 do cromosoma 12.[1][2] O IGF-1 tamén foi denominado "factor de sulfatación" [3] e os seus efectos denomináronse "actividade similar á insulina non suprimible" (NSILA) na década de 1970.
O IGF-1 é unha hormona similar á insulina na súa estrutura molecular. Xoga un importante papel no crecemento infantil e os seus efectos anabólicos continúan nos adultos. Un análogo sintético do IGF-1, chamado mecasermin utilízase no tratamento de certos trastornos do crecemento.[4]
O IGF-1 consta dunha soa cadea de 70 aminoácidos con tres pontes disulfuro intramoleculares. Ten un peso molecular de 7649 daltons.