Segunda Internacional
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Segunda Internacional foi unha organización formada en 1889 polos partidos socialistas e laboristas que desexaban coordinar a actividade internacional dos movementos obreiros que se formaran en gran parte dos países europeos amparados pola extensión do sufraxio universal. Continou o traballo da Primeira Internacional, inda que cunha estrutura máis descentralizada, ata a súa disolución en 1916.
O centro permanente que dirixía a II Internacional tivo sede en Bruxelas. Esta experiencia mostrou moi pronto as súas limitacións históricas, sobre todo a causa das diverxencias entre as posicións dos distintos países, que se alinearon cos intereses nacionais con frecuencia. Co estoupido da primeira guerra mundial a contradición entre as aspiracións revolucionarias das clases oprimidas e a política da II Internacional chegou ó punto de que se fixo necesaria a creación dunha Terceira Internacional, en 1919, que adoptou o nome de Internacional Comunista (abreviadamente, Komintern), para distinguirse do apego da segunda ós medios electorais.
A Segunda Internacional reorganizouse en 1920, pero moitos partidos se negaron a unirse a ela, formando a Unión Internacional de Partidos Socialistas Obreiros como alternativa. A UIPSO tivo unha curta vida, non obstante, e en 1923 volveu integrarse á Segunda Internacional. A segunda guerra mundial acabou de disolver as forzas que a integraban, e precipitou a súa desaparición en 1940.
Entre as accións máis famosas da Segunda Internacional está a declaración do 1° de maio como Día Internacional do Traballo en 1889 e o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora en 1910.