Inmunoglobulina E
tipo de anticorpo dos mamíferos / From Wikipedia, the free encyclopedia
A inmunoglobulina E (IgE) é un tipo de anticorpo (ou isotipo de inmunoglobulina) que se encontra só en mamíferos. A IgE existe en forma de monómero formado por dúas cadeas pesadas ε e dúas lixeiras; a cadea pesada ε contén catro dominios constantes de tipo inmunoglobulina (Cε1-Cε4).[1] A principal función da IgE é intervir na inmunidade ante parasitos como poden ser os vermes parasitos[2] como Schistosoma mansoni, Trichinella spiralis, e Fasciola hepatica.[3][4][5] A IgE pode tamén ser importante durante a defensa inmune contra certos protozoos parasitos como o Plasmodium falciparum da malaria.[6]
A IgE tamén xoga un papel esencial na hipersensibilidade de tipo I,[7] a cal orixina varias doenzas alérxicas, como a asma alérxica, rinite alérxica, alerxias alimentarias, e algúns tipos de urticaria crónica e dermatite atópica. A IgE tamén xoga un papel central noutras condicións alérxicas como as reaccións anafilácticas a certas drogas, picadas das abellas, e preparacións de antíxenos usadas en inmunoterapia de desensibilización.
A IgE é normalmente o isotipo menos abundante de inmunoglobulina, xa que os seus niveis no soro sanguíneo nun individuo normal ("non-atópico") son só do 0,05% da concentración de Ig,[8] comparado cos 10 mg/ml das IgGs (o isotipo responsable da maioría das respostas inmunitarias adaptativas clásicas). Pero malia súa baixa concentración, a IgE pode desencadear as reaccións inflamatorias máis potentes.
A IgE descubriuna en 1966 a parella de científicos xaponeses Teruko e Kimishige Ishizaka.[9]