Información
conxunto organizado de datos procesados / From Wikipedia, the free encyclopedia
A información[1] é un concepto abstracto que fai referencia a aquilo que ten o poder de informar. No nivel máis fundamental, a información pertence á interpretación do que se pode percibir. Pódese dicir que calquera proceso natural que non sexa completamente aleatorio e calquera patrón observable en calquera medio transmite certa cantidade de información. Mentres que os sinais dixitais e outros datos utilizan sinais discretos para transmitir información, outros fenómenos e artefactos como sinais analóxicos, poemas, imaxes, música ou outros sons e fluídos transmiten información de forma máis continua.[2] A información non é o coñecemento en si, senón o significado que se pode derivar dunha representación a través da interpretación.[3]
En sentido xeral, a información é un conxunto organizado de datos, que constitúen unha mensaxe sobre un determinado ente ou fenómeno. Desta maneira, se por exemplo organizamos datos sobre un país (número de habitantes, densidade de poboación, nome do presidente etc.) e escribimos por exemplo, o capítulo dun libro, podemos dicir que ese capítulo constitúe información sobre ese país.
Cando temos que resolver un determinado problema ou temos que tomar unha decisión, empregamos diversas fontes de información (como podería ser o capítulo mencionado deste imaxinario libro), e construímos o que en xeral se denomina coñecemento ou información organizada que permite a resolución de problemas ou a toma de decisións (ver apartado sobre coñecemento).
Segundo outro punto de vista, a información é un fenómeno que proporciona significado ou sentido ás cousas, e indica mediante códigos e conxuntos de datos, os modelos do pensamento humano. A información, por tanto, procesa e xera o coñecemento humano. Aínda que moitos seres vivos se comunican transmitindo información para a súa supervivencia, a diferenza dos seres humanos radica na súa capacidade de xerar e perfeccionar tanto códigos como símbolos con significados que conformaron linguaxes comúns útiles para a convivencia en sociedade, a partir do establecemento de sistemas de sinais e linguaxes para a comunicación.
Os datos percíbense mediante os sentidos, estes os integran e xeran a información necesaria para producir o coñecemento que é o que finalmente permite tomar decisións para realizar as accións cotiás que aseguran a existencia social. A sabedoría consiste en xulgar correctamente cando, como, onde e con que obxectivo empregar o coñecemento adquirido.
O ser humano logrou simbolizar os datos en forma representativa (linguaxe) para posibilitar o coñecemento de algo concreto e creou as formas de almacenar e utilizar o coñecemento representado.
Existe unha relación indisoluble entre os datos, a información, o coñecemento, o pensamento e a linguaxe, polo que unha mellor comprensión dos conceptos sobre información redundará nun aumento do coñecemento, ampliando así as posibilidades do pensamento humano, que tamén emprega a linguaxe -oral, escrita, xesticular etc.-, e un sistema de sinais e símbolos interrelacionados.