Inglés medio
From Wikipedia, the free encyclopedia
O inglés medio é o nome que dan os filólogos históricos ás diversas formas que adoptou a lingua inglesa falada en Inglaterra simbolicamente dende a invasión normanda de Inglaterra por Guillerme o Conquistador na 1066 até a introdución da imprenta en Inglaterra por William Caxton na década de 1470. A súa principal característica é que se trata dunha lingua difícil de definir ou delimitar, pois foi variando nunha rápida transición, na que poden apreciarse os diversos cambios que sufriu o idioma ao longo dos anos, nos cales estivo suxeito a unha forte variedade lingüística.
Ademais, durante este período, debido á invasión normanda, o francés era a lingua oficial do reino e o latín o idioma oficial da igrexa, de xeito co inglés perdeu o prestixio do que gozara anteriormente. É durante esta época cando o alfabeto latino substituíu a escritura insular característica do inglés antigo, dando lugar a novas grafías, novos fonemas e novos ditongos herdados do francés. Neste contexto, o inglés adquiriu moito léxico do dialecto normando do francés e as declinacións do inglés antigo comezaron a desaparecer, converténdose nunha lingua máis analítica.
Este período do inglés perdurou até mediados ou finais do século XV cando o estándar da chancelería, unha forma de inglés londiniense, comezou a espallarse. A este proceso contribuíron varios factores: a perda de Normandía en 1204, que pasou a mans da monarquía francesa, feito que impulsou o uso do inglés que se falaba na zona de Londres onde se atopaban as Cortes. Na rivalidade entre Inglaterra e Francia durante a Guerra dos Cen Anos volveu identificarse o inglés coma a lingua nacional, o que engadido á introdución da imprenta en Inglaterra, provocou co inglés comezase a espallarse como lingua culta.