Inmunoglobulina Y
From Wikipedia, the free encyclopedia
A inmunoglobulina Y (abreviada como IgY) é un tipo de inmunoglobulina que é o principal anticorpo no sangue das aves, réptiles e peixes pulmonados. Tamén se encontra en altas concentracións na xema de ovo de galiña. Igual que outras inmunoglobulinas, a IgY é un tipo de proteína formada polas células do sistema inmunitario en reacción a certas substancias estrañas ao organismo, as cales recoñece especificamente.
A IgY é con frecuencia mal denominada inmunoglobulina G (IgG) na literatura científica antiga, e ás veces incluso en catálogos de produtos comerciais, debido á súa semellanza funcional coas IgG de mamíferos e coa inmunoglobulina E (IgE). Porén, esta nomenclatura antiga está hoxe obsoleta, xa que a IgY difire tanto estrutural coma funcionalmente da IgG de mamíferos,[1] e non presenta reaccións cruzadas con anticorpos orixinados contra IgG de mamíferos.[2] O nome inmunoglobulina Y suxerírono en 1969 G.A. Leslie e L.W. Clem despois de que atoparon diferenzas entre as inmunoglobulinas encontradas en ovos de galiña e a inmunoglobulina G. Outros sinónimos son IgG de galiña, IgG de xema de ovo e 7S-IgG.
Como as galiñas poden poñer ovos case cada día, e a xema dos ovos dunha galiña inmunizada contén unha alta concentración de IgY, as galiñas estánse facendo cada vez máis frecuentemente a fonte habitual de anticorpos personalizados para investigación. (Xeralmente, inxéctanse mamíferos como coellos e cabras co antíxeno de interese nos laboratorios.)[3]
Os patos producen unha forma truncada de IgY, que perdeu parte da rexión Fc. Como resultado, non se poden unir ao complemento nin ser captadas polos macrófagos.[4][5]
A IgY tamén foi analizada na tartaruga chinesa de cuncha branda Pelodiscus sinensis.[6]