Insurrección nacional eslovaca
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Insurrección nacional eslovaca (en eslovaco: Slovenské národné povstanie,[4] abreviado SNP) ou Levantamento de 1944 foi unha insurrección armada organizada polo movemento de resistencia eslovaco durante a segunda guerra mundial en contra do Goberno eslovaco aliado ao Terceiro Reich. O levantamento resultou un fracaso e os alemáns conseguiron sufocalo logo de dous meses de dura loita, mais a guerrilla continuou combatendo as forzas de ocupación ata a chegada do Exército Soviético a Eslovaquia en 1945.
Insurrección nacional eslovaca | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Segunda guerra mundial | |||||||||
Convoi de vehículos do exército eslovaco preto de Kelemeš (hoxe parte de Prešov). | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
1º República Eslovaca Co apoio de: Alemaña Garda de Hlinka |
Insurxencia eslovaca Forza Aérea Insurxente Eslovaca | ||||||||
Líderes | |||||||||
Gottlob Berger Hermann Höffle |
Ján Golian † Rudolf Viest † | ||||||||
Forzas en combate | |||||||||
≈40 000[1] | ≈60 000[2] | ||||||||
Baixas | |||||||||
≈10 000[3] | ≈10 000[3] |
O acoso partisano ás forzas alemás e a situación en Europa oriental precipitaron o alzamento ante a chegada de unidades alemás ao territorio eslovaco a finais de agosto.[5] O papel principal no alzamento non o tiveron, con todo, as unidades partisanas, senón as do Exército regular eslovaco que se rebelaron contra o Goberno de Jozef Tiso.[5] Comezou o 29 de agosto de 1944 na localidade de Banská Bystrica co obxectivo de expulsar do poder o Goberno colaboracionista de Jozef Tiso, establecer unha zona gobernada polos insurrectos e favorecer o avance do Exército Vermello a través dos Cárpatos.
Porén, as primeiras operacións foron favorables para os alemáns. As novas unidades, creadas moi axiña para esmagar o levantamento, tomaron o control do leste e o oeste do país e desarmaron as mellores unidades eslovacas, cercando os rebeldes no centro montañoso do país.[6] As seguintes semanas, as forzas alemás non lograron esmagar como esperaban a rebelión e só lograron algúns avances territoriais fronte aos rebeldes. Estes, con todo, non puideron contar coa axuda soviética necesaria para soster a insurrección, xa que as unidades soviéticas foron incapaces de quebrantar as defensas alemás nos Cárpatos. O envío de armamento, abastos e homes por aire non foi abondo para rexeitar a contraofensiva alemá.
Alemaña tivo que enviar 40 000 soldados, abundante artillaría, tanques e aviación para enfrontarse á dura resistencia eslovaca.[1] En outubro, un gran número de unidades alemás penetrou no país e, logo de dous meses de cruentos combates, lograron esmagar a rebelión,[7] sufocada a finais de outubro.[3] As unidades empregadas polos alemáns, con todo, eran unidades que non se achaban daquela na fronte, e isto fixo que o levantamento non debilitase a fronte oriental de xeito significativo.[6] Os restos das forzas partisanas e regulares eslovacas adoptaron tácticas guerrilleiras ata a posterior chegada das forzas soviéticas. Os combates custaron arredor de 10 000 vidas a cada bando.[3] A poboación civil sufriu a dura represión das forzas alemás enviadas a retomar o control do país. O Goberno filoxermano perdeu toda autonomía fronte a Berlín e o país quedou baixo ocupación militar alemá.[8]
Logo da guerra, distintas forzas políticas trataron de arrogarse en exclusiva o mérito do levantamento, convertido nun episodio histórico moi polémico. O réxime comunista checoslovaco presentouno como un acontecemento iniciado e interpretado exclusivamente polas forzas comunistas. A oposición anticomunista acusou a estes de sabotar o alzamento para eliminala do poder e entregar o control do país aos soviéticos. Algúns nacionalistas eslovacos, por outra banda, afirmaron que o levantamento foi unha «conspiración contra a nación eslovaca», pois un dos seus principais obxectivos era restablecer Checoslovaquia, na que os eslovacos estarían politicamente dominados polos checos durante o período de entreguerras.