Johannes Brahms
compositor e pianista alemán / From Wikipedia, the free encyclopedia
Johannes Brahms, nado en Hamburgo o 7 de maio de 1833 e finado en Viena o 3 de abril de 1897, foi un pianista e compositor alemán do romanticismo. Brahms é unha figura prominente da música do século XIX, quizais o último gran compositor clásico, é considerado a antítese de Wagner e Liszt. Trátase dun dos máis importantes músicos do romanticismo e é considerado por moitos como o "sucesor" de Beethoven, ata o punto de que a súa Primeira Sinfonía foi descrita por Hans von Bülow como a décima sinfonía de Beethoven.[1] Home ás veces difícil e intransixente, compuxo obras mestras en tódolos xéneros agás a ópera. As expresións Os tres bes ou A santa trindade (frase acuñada por Hans von Bülow) refírense a Bach, Beethoven e Brahms como tres dos maiores compositores da historia da música.[2] Algúns opinan, non obstante, que von Bülow incluíu a Brahms en dita "trindade" por despeito e para prexudicar a Wagner, con quen estaba enemistado dende que a súa dona o abandonou para casar co outro compositor.[3]
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2015.) |
Brahms é frecuentemente considerado á vez tradicional e innovador. A súa música está firmemente enraizada nas estruturas e técnicas de composición dos mestres do barroco e do clasicismo. Era un mestre do contrapunto, a complexa e altamente disciplinada arte que fixo famoso a Johann Sebastian Bach, e do desenvolvemento, un ethos compositivo creado por Joseph Haydn, Wolfgang Amadeus Mozart, Ludwig van Beethoven, entre outros compositores. Brahms tivo como obxectivo honrar a "pureza" destas venerables estruturas "alemás" e avanzar nelas cara a un idioma romántico, no proceso de creación de novos enfoques para a harmonía e a melodía. Mentres que moitos contemporáneos atoparon a súa música demasiado académica, a súa contribución e artesanía teñen sido admiradas por figuras posteriores tan diversas como Arnold Schoenberg[4] ou Edward Elgar.[5]