José Calvo Sotelo
político e xurisconsulto galego / From Wikipedia, the free encyclopedia
José Calvo Sotelo, nado en Tui o 6 de maio de 1893 e finado en Madrid o 13 de xullo de 1936, foi un político e xurisconsulto dereitista galego, ministro de Facenda do Goberno do Estado entre 1925 e 1930, durante a Ditadura de Primo de Rivera.
Estivo exiliado durante os primeiros anos da Segunda República, non obstante foi elixido deputado en todas as lexislaturas, incorporándose ao seu escano logo dunha amnistía durante o bienio radical-cedista en 1934. Destacou como líder monárquico a través do partido Renovación Española, aínda que non mantivo boa relación coas outras forzas da dereita: a maioritaria, partidaria de contemporizar coa República (CEDA) e as minoritarias, entre as que estaba Falange Española.
No turbulento período entre febreiro e xullo de 1936, foi protagonista de varios debates nas Cortes nos que solicitou ao Goberno que restablecese a orde pública, reclamando que, en caso contrario, tal tarefa debería ser asumida polo Exército. Logo de fortes enfrontamentos parlamentarios, recibiu ameazas de Dolores Ibárruri La Pasionaria (16 de xuño), e indubidablemente de Ángel Galarza (1 de xullo). Na madrugada do 13 de xullo de 1936 un grupo de gardas de Asalto e militantes socialistas, dirixido polo capitán da Garda Civil Fernando Condés detívoo no seu domicilio e introduciuno no interior dunha camioneta da Garda de Asalto onde Luis Cuenca, militante das Xuventudes Socialistas e gardacostas de Indalecio Prieto, o asasinou a sangue frío disparándolle dous tiros na caluga, en represalia polo asasinato do esquerdista tenente de Asalto Castillo, que tivera lugar horas antes. Un dos efectos do seu asasinato foi acirrar a aqueles que, como o xeneral Francisco Franco, aínda mantiñan dúbidas sobre se debían sublevarse contra o Goberno de forma inmediata.
Na posguerra foi honrado polo réxime franquista como Protomártir da Cruzada[1] ou Protomártir del Movimiento Nacional.[2] Foi apelado tamén o Matteotti español.