José Saramago
escritor portugués / From Wikipedia, the free encyclopedia
José de Sousa Saramago, nado en Azinhaga, Golegã, o 16 de novembro de 1922 e finado en Tías, Lanzarote, o 18 de xuño de 2010, foi un escritor portugués, gañador en 1998 do Premio Nobel de Literatura e en 1995 do Premio Camões.[1]
Saramago considerouse responsable do recoñecemento internacional efectivo da prosa en portugués.[2] Coñecido polo seu ateísmo[3] e iberismo, foi membro do Partido Comunista Portugués e foi subdirector do Diário de Notícias. Xunto con Luiz Francisco Rebello, Armindo Magalhães, Manuel da Fonseca e Urbano Tavares Rodrigues foi, en 1992, un dos fundadores da Fronte Nacional para a Defensa da Cultura (FNDC). Casado, en segundas nupcias, coa española Pilar del Río, Saramago viviu na illa española de Lanzarote, nas Illas Canarias. O 29 de xuño de 2007 constituíu a Fundación José Saramago para a defensa e difusión da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e problemas ambientais. En 2012, a Fundación José Saramago abriu as súas portas ao público na Casa dos Bicos de Lisboa, presidida pola súa muller Pilar del Río .