Lobishome
home lobo / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un lobishome[1], tamén coñecido como licántropo (do grego: λύκος, «lobo», e άνθρωπος, «humano»), é, nas mitoloxías, lendas e folclores, principalmente da civilización europea, un humano que posúe a capacidade de transformarse, parcial ou totalmente, nun lobo ou nunha criatura antropomorfa próxima a este.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2022.) |
Lobishome | |
---|---|
Un gravado do século XIII, que mostra a un lobishome devorando unha moza. | |
Outros nomes | Licántropo |
Orixe | Mitoloxía grega |
Esta transformación pode deberse a varias causas, coma unha imprecación ou ritual voluntario, ou, máis recentemente, pola mordedela ou rabuñada dun lobo ou licántropo. Adoita activarse durante as noites de lúa chea, condenando ao lobishome a vagar coma un lobo ata a mañá. As historias de licántropos menciónanse por primeira vez na mitoloxía grega, e, logo de chegar a moitos países europeos, estendéronse por todo o mundo. Estas criaturas descríbense principalmente como seres malignos que posúen habilidades tanto de lobo como de humano, unha forza colosal e unha gran ferocidade, xa que son capaces de matar a un gran número de persoas nunha soa noite. Rara vez lembran as súas andadas nocturnas despois de tornar á forma humana.
Exceptuando o emprego de cirurxía e a utilización de traxes ou disfraces, a transformación física dos homes en lobos é imposíbel. Con todo, moitas persoas, incluídos eruditos, creron nela durante séculos e, ás veces, esta crenza aínda persiste. Na actualidade, a licantropía recoñécese cientificamente coma un síntoma de enfermidade mental na que a persoa cre que se transformou en lobo. A este trastorno déuselle o nome de licantropía clínica.