Lista de mulleres gañadoras do Premio Nobel
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Premio Nobel outórgano anualmente a Real Academia das Ciencias de Suecia, a Academia Sueca, o Instituto Karolinska e o Comité Noruegués do Nobel ás persoas que fan contribucións sobresaíntes nos campos da química, física, literatura, paz, fisioloxía ou medicina e economía.[1] Todos os galardóns, excepto o premio de economía, foron instituídos acatando as indicacións do testamento de 1895 de Alfred Nobel, que ademais sinala que os premios deben ser administrados pola Fundación Nobel. O Premio Nobel de Economía, ou Premio do Banco de Suecia en Ciencias Económicas en memoria de Alfred Nobel, foi establecido en 1968 polo Banco de Suecia, que é o banco central deste país, para as contribucións sobresaíntes no campo da Economía.[2]
Cada premio é outorgado por un comité independente; así, a Real Academia das Ciencias de Suecia entrega os premios de Física, Química e Economía; a Academia Sueca entrega o premio de Literatura; o Instituto Karolinska entrega o premio de Fisioloxía ou Medicina; e o Comité do Nobel entrega o premio da Paz.[3] Cada receptor obtén unha medalla, un diploma e un premio en efectivo que variou ao longo dos anos.[2] En 1901, os gañadores dos primeiros Premios Nobel recibiron 150 782 coroas suecas, o que equivale a 8 192 489 coroas suecas a decembro de 2013. Entre 2001 e 2011, os anos en que se entregaron os premios de maior contía, os gañadores foron premiados con 10 millóns de coroas suecas, e a partir do 2012 con 8 millóns.[4] Os premios son entregados en Estocolmo (Física, Química, Fisioloxía ou Medicina, Literatura e Economía) e Oslo (Paz) nunha cerimonia anual celebrada o 10 de decembro, aniversario da morte de Nobel.[5]
A data de 2018, o premio foi outorgado a 853 homes, 51 mulleres e 24 organizacións.[6][7][8] Entre as mulleres gañadoras do Premio Nobel, a primeira foi Marie Curie, quen gañou o de Física en 1903 xunto ao seu marido Pierre Curie e Henri Becquerel.[7][9] Marie Curie tamén a única muller que gañou o Premio Nobel en máis dunha ocasión, xa que en 1911 gañou o de Química. A súa filla, Irène Joliot-Curie, gañou o de Química en 1935, polo que son a única parella de nai e filla que gañaron esta distinción.[7] Dezasete mulleres gañaron o Premio Nobel da Paz, trece o de Literatura, once o de Fisioloxía ou Medicina, cinco o de Química, tres o de Física e só unha muller o de Economía.[10] 2009 foi o ano en que máis mulleres resultaron gañadoras do premio, cun total de cinco mulleres premiadas nese ano.