Método científico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O método científico constitúe o estudo sistemático, controlado, empírico e crítico de proposicións hipotéticas sobre presuntas relacións entre varios fenómenos naturais e é o mecanismo utilizado nas ciencias experimentais para validar ou invalidar unha teoría, por medio da experimentación ou da observación.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
- Artigo principal: Ciencia.
- Este artigo trata dos diversos métodos científicos usados historicamente. Para o uso da palabra en contornas técnicas actuais ver investigación científica.
O método científico (do grego: -μετά = cara a, ó longo de- -οδός = camiño-; e do latín scientia = coñecemento; camiño ó coñecemento) é un método de investigación usado de xeito principal na produción de coñecemento nas ciencias. Para chamarse científico, un método de investigación debe basearse no empirismo e na medición, suxeito ós principios específicos das probas de razoamento.[1] O Oxford English Dictionary, di que o método científico é: "un método ou procedemento que ten caracterizado á ciencia natural dende o século XVII, que consiste na observación sistemática, medición e experimentación, e a formulación, análise e modificación das hipóteses."[2]
Segundo James B. Conant, non existe un método científico. O científico usa métodos de definición, métodos de clasificación, métodos estadísticos, métodos hipotético-dedutivos, procedementos de medición, ... polo que referirse a un único método científico é referirse ó conxunto de tácticas empregadas para constituír o coñecemento, suxeitas á contorna histórica, e que de xeito eventual poderían ser outras no futuro.[3] Iso lévanos a tentar sistematizar as distintas pólas no interior do método científico.