Machu Picchu
antigo poboado andino inca sito no Perú / From Wikipedia, the free encyclopedia
Machu Picchu[1] (do quechua sureño Machu Pikchu, "montaña vella")[2] é o nome contemporáneo que se lle dá a unha llaqta (antigo poboado andino inca) de pedra construída principalmente a mediados do século XV no promontorio rochoso que une as montañas Machu Picchu e Huayna Picchu na vertente oriental dos Andes Centrais, no sur do Perú e a 2430 msnm,[3] altitude da súa praza principal. O seu nome orixinal sería Picchu ou Picho.[4]
Machu Picchu Machu Pikchu (quechua sureño) | |
---|---|
Vista de sur a norte. Á esquerda vese o sector Hanan da cidade (coa estrutura piramidal do outeiro do Intihuatana) e á dereita o sector Oriente, separados pola praza principal. Ao fondo o Cerro Huayna Picchu. A imaxe está tomada dende o alto do sector agrícola, ao sur do complexo.
| |
Patrimonio da Humanidade - UNESCO | |
País | Perú |
Localización | Departamento de Cuzco |
Tipo | Mixto |
Criterios | I, III, VII, IX |
Inscrición | 1983 |
Rexión da UNESCO | Latino América e o Caribe |
Identificador | 274 |
Segundo documentos de mediados do século XVI[5] Machu Picchu sería unha das residencias de descanso de Pachacuti (primeiro emperador inca, 1438-1470). Así a todo, algunhas das súas mellores construcións e o evidente carácter cerimonial da principal vía de acceso á llaqta demostrarían que esta foi usada como santuario relixioso.[6] Ámbolos usos, o de palacio e o de santuario, non serían incompatibles. Algúns expertos parecen descartar, emporiso, un suposto carácter militar, polo que os populares cualificativos de "fortaleza" ou "cidadela" poderían ser superados.[7]
Machu Picchu está considerada tamén coma unha obra mestra da arquitectura e a enxeñaría.[8] As súas peculiares características arquitectónicas e paisaxísticas e o veo de misterio que teceu arredor seu gran parte da literatura publicada sobre o sitio, convertérono nun dos destinos turísticos máis populares do Planeta.[9]
Machu Picchu foi declarado Santuario Histórico Peruano en 1981 e está na lista do Patrimonio da humanidade da UNESCO dende 1983,[10] como parte de todo o conxunto cultural e ecolóxico coñecido coa denominación Santuario Histórico de Machu Picchu.
O 7 de xullo de 2007 Machu Picchu foi declarada unha das Novas sete marabillas do mundo nunha cerimonia realizada en Lisboa (Portugal), que contou coa participación de máis de cen millóns de votantes no mundo enteiro a través dun concurso realizado en Internet.[11]