Malaysia Airlines
From Wikipedia, the free encyclopedia
Malaysia Airlines Berhad (MAB) (malaio: Penerbangan Malaysia Berhad), anteriormente coñecida como Malaysian Airline System (MAS) (malaio: Sistem Penerbangan Malaysia), comercializada como Malaysia Airlines, é unha aeroliña malaisia que opera voos dende o aeroporto de Kuala Lumpur e dende centros de conexións secundarios en Kota Kinabalu e Kuching cara a destinos en Asia, Oceanía e Europa. Malaysia Airlines é a aeroliña nacional de Malaisia e membro da alianza Oneworld. A sede da aeroliña atópase no aeroporto de Kuala Lumpur. En agosto de 2014 o fondo de riqueza soberana do goberno malaisio Khazanah Nasional, que entón era dono do 69,37% da aeroliña, anunciou a súa intención de mercar o resto das participacións aos accionistas minoritarios e sacar á compañía da bolsa malaisia, renacionalizando así a aeroliña.
Malaysia Airlines | ||
---|---|---|
IATA MH | OACI MAS | Indicativo MALAYSIAN |
Fundación | 1 de maio de 1947 (como Malayan Airways) | |
Plan de voo frecuente | Enrich | |
Alianza | Oneworld | |
Subsidiarias | Firefly e MASwings | |
Frota | 80 | |
Destinos | 61 | |
Páxina web: https://www.malaysiaairlines.com |
Malaysia Airlines ten dúas aeroliñas subsidiarias: Firefly e MASwings. Firefly opera voos regulares dende as súas dúas bases no aeroporto de Penang e no aeroporto de Subang. A aeroliña céntrase en cidades terciarias. MASwings céntrase nos voos dentro de Borneo. Malaysia Airlines ten unha frota de carga operada pola súa compañía irmá MASkargo, que xestiona voos de carga e a capacidade de carga de todos os voos de pasaxeiros de Malaysia Airlines.
Malaysia Airlines ten as súas raíces en Malayan Airways Limited, fundada en Singapur nos anos 30, e realizou o seu primeiro voo comercial en 1947. Foi bautizada como Malaysian Airways tras a formación da Federación de Malaisia en 1963. En 1966, tras o Acordo de independencia de Singapur de 1965, a aeroliña foi renomeada Malaysia-Singapore Airlines (MSA), antes de que os seus activos se dividisen en dúas aeroliñas nacionais seo¡paradas en 1972 Malaysian Airline System (MAS) e Singapore Airlines.[1]